OurenseÚltima hora

Feijóo presenta na Comisión de Enerxía, en Bruxelas, o proxecto “ecobarrio” do vinteún

Publicidade

 

Alberto Núñez Feijóo e Miguel Árias Cañete.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, 24 de abril en Bruxelas, que o Goberno autonómico desenvolverá en Ourense o primeiro “ecobarrio”, que permitirá facer máis sustentables e eficientes os concellos galegos no horizonte 2020.

Durante a xuntanza co comisario de Enerxía e Clima, Miguel Arias Cañete, Feijóo presentou esta iniciativa, que está previsto que se desenvolva conxuntamente co Concello e que ten garantida xa algunha achega do Goberno central, encamiñada a impulsar o aforro e a eficiencia enerxética a través da xeotermia e da biomasa.

O proxecto, radicado no barrio da Ponte, “favorecerá o aforro enerxético nos fogares de 20.000 veciños en 35 edificios públicos da zona: colexios, estacións de bus e tren, centros de saúde e unha praza de abastos entre outros”, apuntan fontes do Goberno galego. En canto aos edificios privados “se primarán actuacións naquelas zonas máis desfavorecidas; e, a nivel barrio, “o proxecto buscará sobre todo mellorar a iluminación exterior, promover o investimento para unha mobilidade sustentable e a creación dun ‘district heating’ que permita abaratar custes de calefacción e quentamento de auga, tanto nos edificios públicos como privados, así como investimentos que optimicen os edificios con actuación como a impermebeabilización, entre outras cousas”.

Segundo explicou Feijóo, “nestes momentos estamos elaborando o anteproxecto”, co obxectivo de presentar no mes de xuño esta iniciativa que atende ás demandas contra o cambio climático, incrementa a enerxía renovable e diminúe o efecto invernadoiro.

Durante a xuntanza, Cañete mostrou o seu apoio á creación dun grupo de traballo no que tamén participen representantes do BEI e o ICO, para fixar conxuntamente unha estratexia de financiamento, coa aspiración de poder contar co apoio de fondos europeos e coa colaboración do Plan Junker.

Feijóo incidiu en que con esta iniciativa Galicia aspira colocarse na vangarda do uso das enerxías renovables. De feito, o propio comisario mostrou moito interese neste proxecto, pioneiro na UE, xa que só hai unha iniciativa similar que se está a desenvolver nunha rexión francesa.

Dentro da área específica de traballo do comisario, o responsable do Goberno galego presentou tamén os avances na elaboración da estratexia galega contra o cambio climático. Un ambicioso documento cuxo borrador, avanzou, se presentará en decembro deste ano.

Feijóo invitou ao comisario europeo de Enerxía e Clima a visitar Galicia nesas datas, para presentar esta iniciativa contra o cambio climático e con obxectivos superiores aos da UE, tanto na redución de emisión de gases de efecto invernadoiro como no relativo ás enerxías renovables.

 

Artigos relacionados

Back to top button