PolíticaÚltima hora

Feijóo fai un balance positivo da actuación da Xunta en Ourense

O candidato popular á Xunta móstrase como única opción para evitar o “bloqueo” da política nacional en Galicia e comprométese a cumprir prazos cos proxectos da cidade

O Parque Botánico de Montealegre de Ourense foi a tribuna elixida polos populares para entoar o clásico “podo prometer e prometo”, insalvable en toda época electoral. Até esta paraxe natural se desprazou Alberto Núñez Feijóo, candidato á reelección como presidente da Xunta, que presumiu de infraestruturas e servizos na provincia, resaltando actuacións como o novo edificio de hospitalización do CHUO, a autovía a Celanova ou o plan termal que busca facer de Ourense un referente nacional. O aínda presidente autonómico fixo o balance acompañado polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, o titular do goberno provincial, Manuel Baltar, e os tres primeiros candidatos do PP a deputados por Ourense.

“Escoitamos o compromiso da xente para que Galicia non entre neste bloqueo no que está sumida a política nacional”, comezaba Feijóo, que se ergeu como única alternativa fronte “aos partidos que gobernaron na Xunta en coalición” e “aos que están gobernando nas cidades, que afortunadamente en Ourense non”. Acusou aos primeiros de “non falar nunca do que fixeron cando estaban no goberno”, e aos segundos de “non facer balance do que fixeron nas cidades” porque, segundo dixo, “o único que teñen é confrontacións, aprazamentos das grandes decisións e falta de proxecto político”.

Así centrou o líder dos populares o seu balance, un balance sustentado, segundo as súas propias verbas, “en base ao aval dos feitos”. Deste xeito lembrou a ampliación e a reforma do hospital de Ourense, coa construcción do novo edificio de hospitalización e a execución de sete centros de saúde na provincia, entre os que figuran o recén finalizado do Couto. Tamén falou da apertura da escola infantil de Colón e dunha residencia de maiores de 150 prazas, que se suma á reforma do Centro de Día de Alzheimer e á creación dun centro para este tipo de enfermos. De igual xeito se congratulou de conseguir “lista de espera cero” no Servizo de Axuda no Fogar, a finalización da Autovía a Celanova, a reforma do vial Rairo-Bemposta, a nova depuradora de Ourense e a entrega do novo edificio xudicial onde funcionan 24 xulgados. Por último detallou que o plan de facer de Ourense unha referencia termal está executado ao 40%.

Por iso, a formación popular centra as súas propostas para a vindeira lexislatura na posta en marcha dos proxectos rematados e na continuidade dos xa encamiñados, caso da Estación Intermodal Ourense-Empalme, o edificio de consultas externas do CHUO máis os accesos ou a construcción de vivendas de promoción pública na zona de Covadonga. Pero Feijóo tamén contempla novas inversións na cidade, como os 16 kilómetros de sendas peonís que pretende levar a cabo para mellorar a accesibilidade, a construcción dunha nova residencia de maiores, a rehabilitación da antiga igrexa de San Francisco como museo ou a creación da primeira pista de atletismo cuberta no noroeste da península.

Nesta listaxe tamén destacou o popular a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano que inclúa a gratuidade do servizo para os menores de 19 anos. Ou a continuación da rehabilitación integral de edificios nos barrios, a través do Proxecto Rexurde. En materia de educación, a formación prevé acometer melloras en varios centros e consolidar o Campus da Auga e o recén estreado Grao en Enxeñaría Aeronáutica. Tamén propoñen a construcción dun gran parque acuático en Monterrei e comprométense a reformar o Polígono do 21. “Queremos cumprir os deberes con Ourense, se nos encarga o goberno”, concluíu o candidato popular, tras manifestar que el e os seus compañeiros agardan “estar á altura dunha cidade á que lle debemos moito”.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button