A praza do Curtiñeiro de Parada de Sil acollerá o vindeiro 15 de agosto unha Feira de artesanía e de produtos típicos desta zona, pertencente á Ribeira Sacra ourensá. A mostra, na que poderán visitarse unha decena de postos, cobrará vida a partir das 11h. da mañá e prolongarase ao longo de toda a xornada.
Visitando esta feira poderán mercarse diversos produtos agroalimentarios da zona (dende mel e queixo ata cervexa artesá e licores), así como un amplo abano de obxectos de artesanía e bisutería.
Esta iniciativa, que está incluída dentro do Verán Cultural de Parada de Sil será promovida pola Asociación Tarabelada en colaboración co Concello.