ConcellosÚltima hora

Feira do 18 de agosto en Castro Caldelas, a máis grande do ano

 

Hoxe, 18 de agosto, Castro Caldelas acolleu a feira máis grande do ano ao incluír unha mostra de artesanía. “Un día espléndido con miles de persoas percorrendo os postos de alimentación, roupa, calzado, plantas, antigüidades, apeiros de labranza e tamén os postos de artesanía situados nos Xardíns do Santuario dos Remedios”, conta a alcaldesa, Sara Inés Vega.

Foi un día para compartir con amigos, familia ou coñecidos pero sobre todo para  gozar das tapas dos bares, tomar uns viños e rematar xantando o polbo á feira, a carne de vacún Caldela, os ricos embutidos da zona, as empanadas ou o cordeiro e cabrito destas terras, todo ben acompañado do viño da D.O. Ribeira Sacra. “E non hai comida que se precie en Castro Caldelas que non deguste un anaco de bica manteigada acompañada dun licor café”, puntualiza a rexedora, asegurando que o día de feira en Castro é  “unha xornada de ledicia, de pasear de vagariño e reencontrarse cos amigos”.

 

 

Hoxe o cheo era total, con xente de toda a bisbarra, de Ourense capital e de case que todos os concellos da provincia. Tampouco faltaron os veciños “limeses” de Lugo como tampouco faltaron os centos de turistas que cada día recibe a vila. “Nun dos ‘Pueblos máis bonitos de España’ todos os veciños reciben con agarimo á xente porque unha parte importante da nosa economía é o turismo”, conclúe orgullosa a alcaldesa.

 

Artigos relacionados

Back to top button