CulturaCulturaÚltima hora

Felipe Castro comparte a súa particular ollada do patrimonio en fotopatrimonio.com

Foto: Felipe Castro.

 

Comezaba usando a fotografía como “ferramenta para documentar graficamente diferentes cuestións” relacionadas coa súa actividade como axente facultativo ambiental. Pero pouco a pouco foise mergullando cada vez máis nela, entendéndoa como un elemento para valorizar e desenvolver o territorio e o patrimonio (natural e cultural), especialmente o da súa zona, “a cabalo de dúas comarcas impresionantes como son O Courel e a Ribeira Sacra”.

Ese afán e o labor formativo e fotográfico realizado durante anos por Felipe Castro López, con orixes en Salcedo (A Pobra do Brollón), froitificaban na recente creación da web www.fotopatrimonio.com. “Para min é unha idea, un concepto e unha necesidade a través da que podo conxugar dous dos aspectos fundamentais na miña vida”, asegura.

 

O fotógrafo Felipe Castro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Esta páxina, configurada en dous idiomas (galego e castelán), consta de seis apartados: Comezando, Patrimonio Natural, Patrimonio Cultural, Sobre Min, Comentarios e Contacto. Tras explicar a súa forma de entender o patrimonio natural e cultural, Felipe Castro dá paso a unha ampla e impresionante galería fotográfica (a cor e en branco, con imaxes nocturnas e diurnas) de entornos galegos principalmente, pero tamén doutras partes de España e mesmo de Europa, estruturada en varios bloques.

 

Foto: Felipe Castro.

 

Así, por unha banda achega imaxes do Patrimonio Natural organizadas nas categorías de bosques e outras formacións vexetais, ecosistemas acuáticos e xeomorfoloxía; árbores e arbustos, frores, froitos, plantas herbáceas e inferiores e fungos e paisaxe natural. Por outra banda, permite descubrir e desfrutar dunha ampla mostra de referentes do patrimonio cultural, estruturados en patrimonio arqueolóxico e histórico, etnográfico e industrial, monumental e relixioso, arquitectura popular, inmaterial, xentes, paisaxe cultural, abstraccións, natureza morta, bodegóns e produto.

 

Foto: Felipe Castro.

 

Artigos relacionados

Back to top button