Arredor das 21:15 horas de onte, 11 de novembro, o 112 Galicia recibía unha chamada solicitando axda para poder acceder ao interior dun taller da rúa Telésforo Ojea da vila da Rúa. “Segundo indicaba, unha moza esqueceu as chaves de casa e intentou acceder pola terraza da vivenda, a través do tellado da edificación lindeira. A continuación, unha das placas de uralita cedeu e a afectada acabou caída no interior do taller. Así, ademais da intervención sanitaria correspondente, era necesario a actuación de medios de emerxencias que puidesen abrir a porta do establecemento, posto que o lugar estaba pechado”, tal e como informa o 112 Galicia.
Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos bombeiros e GES de Valdeorras. Unha vez no punto, “os equipos de intervención forzaron a porta do taller, o que permitiu que a ferida puidese ser atendida polo persoal médico e trasladada a un centro hospitalario logo despois”, en concreto ao Hospital Comarcal de Valdeorras, segundo o 112 Galicia.
Este operativo tamén contou coa intervención dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil da Rúa.