CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Fernando Hernández: “Nos personaxes, diálogos e lugares da novela retrátase O Barco de 1959/60”

Este escritor, que é policía local neste concello valdeorrés, vén de presentar o seu terceiro libro "Conmigo muere tu secreto" no Casino

 

Polas rúas e diferentes lugares do Barco de entre os anos 1959-1960 discorre a atmósfera da terceira novela de intriga de Fernando Hernández González, poboada tamén de personaxes daquel momento, algúns reais e outros inventados. Pero tamén aparecen as cidades de Monforte de Lemos e de Santiago enmarcadas nos anos 90. Así o explicaba o propio autor, natural de Monforte de Lemos, que é policía local neste municipio, na presentación desta novela, titulada “Conmigo muere tu secreto”. O acto tiña lugar na tarde do 20 de febreiro no Casino do Barco e nela contaba coa presenza do presidente desta entidade e do IEV, Aurelio Blanco.

“Móvese no Barco antigo e resulta bastante interesante achegarse a ver como era daquela a vila”, comentaba o presidente do Casino, Pablo Dobao, durante a súa intervención, na que ademais agradecíalle ao escritor que tivera escollido a sede desta sociedade para presentar a obra.

 

 

Deseguido, Aurelio Blanco Trincado apuntaba que Fernando Hernández realiza unha “descrición rigorosa” dese Barco de décadas atrás, con “lugares e personaxes que formaron parte da súa intrahistoria”. E engadía que o facía “con moito humor e grande imaxinación no dominio dos espazos e dos tempos narrativos”. E concluía asegurando que o autor, con este libro “xa é un pouco máis barquense”.

 

 

Finalmente tomaba a palabra Fernando Hernández quen comezaba aludindo ás sementes das que xurdiu. Entre elas, unha homenaxe aos maiores, “que tanto sufriron no Covid”. Explicaba que o segredo da novela é o dunha persoa que está nunha residencia de anciáns e que ese secreto inicial acaba por converterse “nunha vida chea de secretos”. E engadía que outra das verdadeiras sementes do libro é unha homenaxe ao seu pai, xa falecido e que era vendedor ambulante de olivas.

 

 

 

 

A partir de aí, Hernández adentrábase na trama para matizar que é “ficción completamente, aínda que é unha ficción moi realista. O que son reais son os lugares, os percorridos ferroviarios e algúns personaxes”. E aconselláballe ao lector deixase levar pola trama, polos personaxes e non facer segundas lecturas do relato e desfrutalo. “A través dos personaxes e dos seus diálogos pódese ver como era O Barco dos anos 1959 e 1960”.

O acto concluía coa sinatura de libros e con petiscos para os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button