ConcellosEn portadaRibas de SilÚltima hora

Festa da Cereixa, do Aceite e do Viño, esta fin de semana na praia fluvial de San Clodio

O pregón será mañá ás 13 horas a cargo de Alexandra Seara Sobrino, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Un posto de cereixas e aceite na última edición da festa. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cereixa, aceite e viño. Son os tres produtos que se promocionan este ano na Festa da Cereixa de Ribas de Sil. Un evento que tralo parón de dous anos como consecuencia da pandemia, cumpre nesta fin de semana a maioría de idade. “Este ano, como novidade, incorporamos o viño como produto a potenciar, aproveitando que se están a poñer en funcionamento dúas adegas, unha delas vinculada a un proxecto de enoturismo que traerá no futuroo moitos visitantes ao noso concello”, di o alcalde de Ribas de Sil, Miguel A. Sotuela.

Un ano máis o paseo e a praia fluvial de San Clodio son os espazos elixidos para a instalación da feira na que o protagonismo recae sobre os produtores de cereixas e aceite dos pobos de Casares e Figueiredo, aínda que ao longo do paseo tamén haberá espazo para adegas, artesanía e gastronomía local. Como en cada edición, o programa arrancba na mañá deste sábado coa apertura do recinto feiral e a degustación de cereixas, e xa pola tarde sucederanse as actividades paralelas.

Ás 18h. na Aula de Pesca abrirase a exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal (xornada de pintura ao aire libre) e unha hora máis tarde, ás 19h. procederase á inauguración do Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana (C.I.M.A.R.), podendo desfrutar dunha visita guiada. O broche musical poráo o concerto dos Parentes a partir das 21:30 horas no recinto.

 

A festa celébrase na praia fluvial de San Clodio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A xornada de mañá, domingo 5 de xuño, arrancará coa apertura do recinto feiral e a degustación de cereixas e produtos típicos amenizada polo pasarrúas do grupo Os Caliqueños, de Celanova. Seguindo co apartado musical, en torno ao mediodía tocaralle o turno ao grupo de gaitas e cantareiras Falcatrueiros de Monterroso. E unha hora despois, ás 13h. chegará un dos momentos máis esperados da festa, a lectura do pregón, que este ano correrá a cargo de Alexandra Seara Sobrino, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, seguido da actuación da charanga Os Caliqueños.

O programa continuará pola tarde coa actuación dos grupos de baile, danza contemporánea, canto e pandeireta, gaitas e percusión Falcatrueiros de Monterroso. Con todo, será a animación musical a cargo de Radio Monforte a que poña o broche a esta edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, no que ademais de promocionar os produtos gastronómicos da zona, farano tamén dun dos entornos naturais máis destacados do municipio, a Praia Fluvial de San Clodio, fermoso espazo de lecer e marco no que se desenvolve a feira, á beira do río Sil. Ao longo do día podera visitarse tanto a exposición de pintura na Aula de Pesca coma o Centro de Interpretación da Minería Aurífera romana inaugurado o día anterior.

Artigos relacionados

Back to top button