Entre toques de bombo, aixada e pandeireta, disfraces, moitos doces e bailes celebraba o Carnaval a comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) na mañá do 9 de febreiro. Alumnos, profesores e pais sumábanse, disfrazados, a unha celebración que comezaba a partires das doce e media do mediodía.
No patio do centro escolar, varios alumnos que participan en folións do oriente ourensán tocaban, acompañados por varias profesoras e, de seguido, compartíase unha degustación de doces propios do Carnaval no comedor do centro. Así podían probarse orellas, leite fritida, bica ou mesmo flocos de millo, acompañados de auga e zumes. Os doces eran aportados por cada un dos alumnos do colexio.
Despois, a festa trasladábase ao pavillón do centro onde os alumnos disfrazados realizaban unha serie de bailes que concluían cos rapaces facendo unha enorme espiral.
Fotos: A.R.