Nesta fin de semana, malia a escaseza de cogomelos pola sequía, celébranse con éxito as XXVI Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives que comezaban oficialmente na tarde do venres 6 de novembro coa posta en marcha do XI Concurso da Tapa Micolóxica na que participan once establecementos de hostalaría trivesa.


Seguindo o esquema doutras edicións, o programa continuaba a primeira hora deste sábado 7 de novembro cunha charla sobre micoloxía a cargo da asociación Os Cogordos no IES Xermán Ancochea Quevedo, para despois saír ao monte a recoller cogomelos.

En torno ás 14:30h. servíase un xantar gourmet micolóxico no Restaurante La Viuda de Trives; e xa pola tarde procedíase á clasificación, no patio da Casa Grande, dos cogomelos recollidos. Seguidamente, a Banda de Gaitas Os Trinstas poñían música ao evento, dando paso á Caniceira que un ano máis era a encargada de inaugurar a exposición cunha divertida obra de teatro titulada “O xuízo do bosque”.
Mañá pola mañá tamén se poderá visitar a mostra e pola tarde, no mesmo patio interior da Casa Grande de Pobra de Trives entregaranse os premios aos 3 locais máis votados en cada categoría do concurso de tapas. Ao final farase o sorteo de premios ao xurado popular.

Fotos e vídeo: O SIL.