A festa da Comunidade abría un ano máis as festas de verán en Quiroga. Catro días de numerosas actuacións musicais e de entretemento para nenos, mozos e maiores que rematarán o día 10 de agosto coa celebración da XXXI Mostra do Mel que estará amenizada pola charanga Louband.
O programa, elaborado polo Concello dende as diferentes áreas, encetábase xa o xoves 4 de agosto coas finais dos torneos Street Soccer e Street Volley nas pistas polideportivas do Parque da Constitución, organizado pola concellería de Deportes. O mesmo parque que acollía a XV Festa da Comunidade cunha gran paella para todos os asistentes e unha actuación musical pendente de confirmación.
O día seguinte, venres 5 de agosto, os máis pequenos eran os protagonistas do espectáculo ‘Os Bolechas deportistas’, recuperándose a Festa da Xuventude coa actuación estelar da cantante galega Lucía Pérez e xa de madrugada da discoteca móbil Superfabrik na zona dos pubs.

Para o sábado 6 de agosto estaba prevista outra das novidades das festas deste ano, a Concentración de Parapente Val de Quiroga, tendo a música un lugar destacado ese día. Na sesión vermú actuaba a Banda de Música Popular; e xa a partir das 23 horas o baile corría por conta de Los Billos Spain, orquestra fundada en 2018 na Coruña por Edixon José Gómez, que ten como finalidade brindar tributo á orquestra máis popular de Venezuela, a Billo´s Caracas Boys.
E así chegamos ao derradeiro día das festas de Quiroga, o domingo 7 de agosto. Ás 13 horas actuará Julio Ferrín (cantante natural de Ribeira, Quiroga) na praza da rúa Lago e xa pola tarde haberá varias actividades. Ás 19 horas disputarase no campo de fútbol San Martiño o Trofeo Festas de Verán organizado polo Quiroga F.C. e para as 20 horas está previsto o espectáculo de animación de rúa ‘O mundo do circo’ a cargo de Troula Animación, dentro do programa da Xunta ‘Cultura no Camiño’. Ese día o baile correrá a cargo da orquestra Los Player’s.
Fotos: Carlos G. Hervella.