CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Foliadas e concertos nas III Xornadas de Música Tradicional Nova Era, en Verín

 

III Xornadas de Música Tradicional Nova Era.

 

A Banda de Gaitas Nova Era retoma as “Xornadas de Música Tradicional Nova Era”, un evento que pretende dinamizar a axenda de Verín con actividades ao redor da música tradicional e popular galega. A III edición destas Xornadas preséntase coma unha oportunidade para o encontro da veciñanza ao redor da música de raíz no que participan máis de 50 músicos das asociacións culturais da comarca co apoio do Concello de Verín e do tecido hosteleiro da vila.

As Xornadas comezaban o xoves 3 de agosto, cando Álvaro Isaac Rúa Manso acadaba o novo World Record Guinness por tocar a nota máis longa cun instrumento de vento, concretamente cunha gaita galega. O récord anterior (1 min 23.04 seg.) estaba en mans dun músico da India, quen o conseguiu tocando un corno tradicional do seu país, sendo superado hoxe polo músico verinés cunha duración final de 13 min 26 segundos e 95 centésimas.

 

Álvaro Isaac Rúa Manso, Record Guinness Mundial.

 

Na xornada do venres 4 de agosto os integrantes da Banda de Gaitas Nova Era visitaron as crianzas da Ludoteca do Concello de Verín cun obradoiro de música tradicional onde a cativada puido xogar, bailar e, sobre todo, indagar sobre os nosos instrumentos máis populares.

Esa mesma tarde, os usuarios do Centro de Día Solleira, O Fogar de Santa María e a Residencia Monterrei desfrutaron dunha foliada na que, ademais de bailar, animaronse a tocar e cantar. “Facer estas visitas é algo gratificante e dificil de explicar. Cando os vemos sorrir e recordar as festas da súa mocidade dámonos conta da importancia que pode chegar a ter a música popular. Ata os familiares recoñecen velos mellor cando escoitan as gaitas e as percusións. É todo un tratamento para eles e para nós” contan dende a Banda de Gaitas Nova Era. “Ademais, son momentos únicos nos que podemos falar, aprender e gravar as coplas que nos cantan. Son memoria viva da nosa historia musical”.

 

Ludoteca infantil.

 

Coa fin de semana chegan os pratos fortes da programación. O sábado pola tarde celebrábanse os Cantos de Taberna. As agrupacións Candaira, Brixel, As Rulas e Nova Era percorrían as rúas ao redor da praza cos seus mellores repertorios para ir reclutando bailadoras para unha Gran Foliada Popular na praza Maior de Verín.

Como broche final das xornadas, na tarde deste domingo a Banda de Gaitas Nova Era ofrecerá un concerto aberto ao público na praza Maior. “Un serán con Nova Era” recuperará a esencia do seu xa tradicional Concerto de Nadal. Agora apostan por unha escena máis próxima, trasladando a actuación ao centro da vila e achegándose a melodías máis populares. Un formato que mergullará ao público en pezas sobradamente coñecidas que non poderán evitar cantar e bailar xunto á banda.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button