EconomíaEconomíaÚltima hora

Formación sobre poda en Viloira (O Barco) e en Verín, a partir da vindeira semana

Exterior da Casa Grande de Viloira (O Barco), onde se impartirá o curso no caso do municipio do Barco.

 

A vindeira semana impartiranse dous cursos de poda na provincia de Ourense. O primeiro dará comezo o luns 15 de novembro no Barco de Valdeorras e o outro principiará o martes 16 en Verín. En concreto, a acción do Barco está prevista deica o 25 de novembro na Casa Grande de Viloira, ao longo de oito xornadas cun total de 30 horas lectivas. Impartida pola Oficina Agraria Comarcal da localidade, no programa constan contidos sobre nocións xerais do viñedo, da oliveira e do castiñeiro, sobre o solo e sobre as normas da poda, finalidade e principios xerais, incluídas prácticas de poda en campo.

No caso de Verín, falarase de labores culturais no souto e da poda do castiñeiro. Programado para o martes 16 e o mércores 17 cun total de oito horas, terá lugar no Centro de desenvolvemento cooperativo de Pazos en horario de tarde. Esta acción será impartida pola Oficina Agraria Comarcal da Gudiña, que busca transmitir coñecementos sobre un bo manexo do souto, dende os traballos previos á plantación ao seu mantemento ao longo de todo o ano, incluídas as técnicas de poda, das que haberá prácticas demostrativas.

Estas iniciativas (promovidas pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria) están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Quen o desexe poderá anotarse nelas cubrindo as solicitudes dispoñibles en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. No caso do Barco, deberán remitila cuberta ao enderezo electrónico oac.seca.obarco@xunta.gal e poderán consultar calquera dúbida chamando ao teléfono 988 788 944. No que se refire á acción de Verín, o correo de referencia é o oac.seca.agudina@xunta.es e o teléfono o 988 788 816.

Artigos relacionados

Back to top button