ConcellosO BarcoO CarballiñoTrivesÚltima hora

Fórmanse os 123 alumnos da 14ª promoción da Policía Local que reforzarán a plantilla duns 30 concellos, entre eles O Barco e Trives

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos alumnos que están a comezar a primeira parte da formación teórica antes de incorporarse no verán a realizar prácticas nos seus concellos

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos 123 alumnos da 14ª promoción de Policía Local que se están a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A formación iniciouse a semana pasada coa parte teórica, nos meses de verán os alumnos realizarán prácticas nos seus concellos e regresarán en outubro á AGASP para rematar a parte teórica.

Santiago Villanueva lembrou o importante labor que presta a AGASP na formación das novas promocións de Policía Local e na súa selección a través das oposicións unificadas a través do convenio asinado en 2017 coa FEGAMP para colaborar cos concellos galegos que decidan delegar no Goberno galego estas competencias.

Neste caso, cubriranse, por unha parte, 70 prazas convocadas por 29 municipios: A Coruña, A Pobra de Trives, Betanzos, Bueu, Carballiño, Fene, Ferrol, Foz, Lugo, Narón, Nigrán, O Barco de Valdeorras, O Grove, O Rosal, Ordes, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribeira, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.

Tamén se suman outros 7 alumnos procedentes dos procesos de selección dos concellos de Oleiros, Boiro e Lalín que se formarán na Academia. Ademais, mañá incorporaranse outros 46 do último proceso de selección de Policía Local do Concello de Vigo, que vén de sumarse ao convenio de colaboración entre a Xunta e os municipios galegos ao que están adscritas 90 entidades locais das 129 con corpos de Policía Local.

Plan de formación continua

A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

A Academia conta con 64 cursos con máis de 1.400 prazas no plan de formación continua para este primeiro semestre. A formación vai dirixida a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia -isto é, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-. En concreto, estanse a impartir nestes meses 42 módulos presenciais de 775 prazas, aos que se engaden outros 22 con 705 vacantes na modalidade de teleformación. Abarcan tanto cursos de operativa policial, orientados ás condicións psicofísicas dos policías e autodefensa, como en materias de ámbito social ou o tratamento de persoas en especial vulnerabilidade e menores.

Artigos relacionados

Back to top button