PolíticaÚltima hora

Formoso critica a “mala xestión autonómica e provincial” da Estación de Montaña de Manzaneda

O secretario xeral dos socialistas galegos visitaba Trives esta mañá e reuníanse con rexedores desta comarca e da de Caldelas

 

Ata a comarca das Terras de Trives desprazábase esta mañá o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, onde mantiña un encontro coas alcaldesas de Trives, Patricia Domínguez, e Castro Caldelas, Sara Inés Vega; así como cos rexedores de Manzaneda, Amable Fernández, e Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Na visita, na que tamén estaba acompañado polo secretario provincial do PSdeG, Rafael Villarino; coñecía de primeira man a situación da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda e reflexionaba sobre a súa situación.

 

 

No transcurso da sua visita á Pobra de Trives, o líder dos socialistas galegos denunciaba o “completo abandono” aos concellos do rural por parte da Xunta  e repasaba os problemas comúns que teñen os municipios das comarcas de Terra de Trives e Terra de Caldelas, que van desde a exclusión financeira, con oficinas bancarias que abren só un día á semana, períodos amplos sen médico na atención primaria, ou insuficiencia na dotación de solo industrial para acoller iniciativas que axuden a fixar poboación, pois entre Ourense e a comarca de Valdeorras non existe ningún parque empresarial.

 

 

Esta zona ten unha gran singularidade ao contar coa estación de montaña de Cabeza de Manzaneda no seu territorio, o que “debería ser un motor económico da comarca”, pero que para Formoso adoece da “mala xestión autonómica e provincial, que leva a que estea totalmente desaproveitada para volver a dotar de vida a uns concellos que sofren especialmente o despoboamento”.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

 

Formoso subliñou que a estación “arrastra moitos anos de débedas permanentes das que se deben facer cargo as administracións públicas, unha mala xestión económica” da que responsabilizou á Xunta e á Deputación de Ourense polo que considera un “burato negro” na súa xestión.

“O aspecto máis importante é o de dar garantías aos traballadores da estación que actualmente están nun gran estado de incerteza”, dicía o líder dos socialistas galegos, resaltando ademais que “merecen unhas institucións que se preocupen polo seu futuro laboral”, xa que “son moitas familias na comarca” que dependen desta actividade.

 

Valentín González Formoso.

 

O secretario xeral do PSdeG resaltaba a “potencialidade turística” do lugar para Galicia, especialmente ao non ter ningún outro punto comparable no país. Esa singularidade merece para el unha aposta das administracións que non foi tal por parte das administracións autonómica e provincial.

Salientaba tamén que os socialistas tiveron o “maior compromiso e preocupación” con esta estación de montaña no goberno de Pérez Touriño, e que “cando volvamos á Xunta” crearán “un comité de coordinación entre as administracións municipais, coa Xunta Deputación e Ourense e Goberno do Estado, implicándonos todos no que vai a ser un dos motores da comarca sen dúbida algunha”, alegou.

 

 

Pola súa banda, Patricia Domínguez, alcaldesa de Pobra de Trives, agradeceu ao socialista a súa visita para “escoitar os problemas da vila, darlles voz e poñerlles solución como por exemplo o que acaece estes días coa estación de montaña”. Incidiu na delicada situación desta estación, que ten un gran atraso respecto a outros puntos similares do resto de España, concluía a rexedora.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button