OurenseÚltima hora

Franciscanas de Ourense, un dos centros premiados coa Estrela de Ouro no Proxecto Stars España

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu hoxe o acto de entrega das acreditacións do Proxecto Stars a tres centros educativos da provincia pola súa promoción da mobilidade sostible e segura no entorno escolar e pola súa colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico da provincia. En concreto, os colexios Cardeal Cisneros e Divina Pastora, de Ourense, recibiron cadansúa acreditación con nivel ouro. Xunto a eles, o CPR María Inmaculada, de Verín, recibiu un certificado pola súa continuidade neste programa onde xa obtiveran a acreditación nivel ouro no curso 2019-2020.

Emilio González recoñeceu o papel dos centros educativos no fomento da mobilidade sostible entre toda a comunidade escolar, e puxo de relieve o papel educación para promover a seguridade viaria e o coidado do medioambiente.

 

Profesores dos tres centros galardoados.

 

O acto, que contou coa presenza do Xefe Provincial de Tráfico de Ourense, David Llorente, e o tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Juan Carlos Nogueiras, celebrouse na sede da Subdelegación do Goberno, no marco da Semana Europea da Mobilidade que se celebra ata o vindeiro 22 deste mes.

O proxecto Stars toma o seu nome dun programa inglés de mobilidade dirixido á mocidade que, posteriormente, foi recollido, desenvolvido e ampliado pola Unión Europea, que promove a súa implantación nos centros escolares de toda Europa. O programa consiste nunha metodoloxía para promocionar a mobilidade sostible, fundamentalmente os desprazamentos a pé ou en bicicleta, en centros educativos de primaria e secundaria para coñecer e no seu caso transformar a contorna máis inmediata para mellorar a mobilidade escolar, involucrando a toda a comunidade educativa (alumnos, profesores e pais/ nais).

 

O galardón conseguido polo colexio Divina Pastora de Ourense.

 

En España, a Dirección Xeral de Tráfico é un dos actores principais para tentar introducir o programa Stars nos centros educativos. Para iso, este organismo conta en cada provincia con persoal encargado da educación viaria e ofrece distintos materiais educativos para desenvolver actividades vinculadas á mobilidade activa, sostible e segura.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button