OurenseÚltima hora

Frei Canedo saíu en procesión polas rúas do barrio da Ponte, en Ourense

O santo máis entroideiro da provincia fixo vibrar a Avenida das Caldas e atraeu a numerosos veciños do barrio e da cidade

As rúas tremeron ao outro lado do Miño. Concretamente no barrio ourensán da Ponte, xa que hoxe, 12 de febreiro, foi o día grande para o seu patrón máis entroideiro: Frei Canedo, que fixo as delicias dos veciños desta zona da cidade.

Dende as 18:00 horas as charangas e os pasarrúas estiveron amenizando coa súa música a xornada. Incluso acudiu o folión “A Caniceira” da Pobra de Trives, é dicir, unha representación do Oriente Ourensán quixo ir pasalo ben á Ponte.

Como marca a tradición, a capela de Frei Canedo estivo situada nunha carpa canda á Ponte Romana ou Ponte Vella. Desta volta pechada por obras “á agarda da subvención do Concello para reparala”. Así rezaba un cartel ao carón da figura do frade máis entroideiro da provincia.

A comitiva relixiosa rendeulle pleitesía ao santo, e logo comezaron os solemnes actos. Por unha banda, fixeron a presentación do frade e posteriormente purificaron o lugar co “Potefumeiro”. Tamén entraron dentro destes solemnes actos a petición ao frade, que este ano correu a cargo dunha agrupación de Bueu, toda ela impregnada dun ton verde.

Tras toda a cerimonia de rigor, o frade subiu ao paso e foi portado, tal e como marca a tradición, polos lexionarios. Entre a súa comitiva, estaba o clero, co Bispo escoltado baixo palio por dúas coelliñas “playboy” e a raíña do Entroido 2018 de Ourense, Renata Tijerino. Tras o Bispo, as monxas preñadas do “santísimo” que estaban acompañadas pola “nobreza” do barrio.

Asemade, houbo un grupo de indios, personaxes de conto, maxia, duendes, druídas, astronautas e flocos de millo andantes. Todo mesturado con moitas risas e retranca que provocou que o desfile fixese tremer as rúas do barrio da Ponte por toda a Avenida das Caldas. Tras rematares o desfile, os “solemnes comedores” reuníronse na carpa para honrar ao seu santo, Frei Canedo, cunha cea medieval ao carón da Ponte Romana.

Fotos e texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button