OurenseÚltima hora

Gabriel Alén: “A gratuídade das escolas infantís garante o acceso a un servizo esencial de conciliación”

O delegado da Xunta en Ourense visitaba esta mañá a escola do Centro Interxeracional da Farixa, en Ourense

 

Na mañá deste xoves 24 de marzo, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba a escola infantil do Centro Interxeracional da Farixa onde salientou a gratuidade das escolas infantís que implantou a Xunta hai dous anos para segundos e sucesivos fillos, e que a partir de setembro se aplicará tamén aos primeiros.

Trala publicación no DOG do pasado 16 de marzo do formulario de solicitude de praza para o vindeiro curso, o delegado territorial subliñou que “a medida adoptada pola Xunta, cunha educación infantil universal, é pioneira entre todas as comunidades autonómicas e supón un investimento do Goberno galego de 30 millóns de euros, para beneficiar a máis de 30.000 familias”.

Para Gabriel Alén, a Comunidade convértese na única na que un neno pode pasar por todas as fases do ensino, desde Infantil ata o Bacharelato, sen que os pais teñan que desembolsar nin un só euro; o que confirma, segundo Gabriel Alén, que “a Xunta está comprometida cunha terra con máis oportunidades, con máis servizos e con máis axudas para as familias”.

O delegado valorou tamén que, os centros como o da Farixa representan un servizo imprescindible para a conciliación das familias e tamén para o desenvolvemento dos nenos. Os tres primeiros anos de vida son de grande importancia, xa que neste período é cando os pequenos aprenden a controlar o seu corpo, a interactuar coa súa contorna e a desenvolver habilidades cognitivas.

Gabriel Alén destacou tamén que o compromiso de Galicia coa educación de 0 a 3 anos non remata coa gratuidade, e explicou que o Goberno galego seguirá reforzando esta etapa cun plan de formación destinado aos profesionais das escolas, que permitirá actualizar, mellorar e innovar os proxectos educativos e ofrecer un servizo de maior calidade.

Artigos relacionados

Back to top button