EconomíaEconomíaÚltima hora

Galicia autorizará en xullo a apertura de establecementos de ocio nocturno e discotecas

 

A Xunta retrasará unhas semanas a entrada en funcionamento das discotecas e dos restantes establecementos de ocio nocturno, de xeito que a apertura deste tipo de locais estará autorizada a partir do vindeiro mes de xullo, tal e como se vén de informar dende o goberno galego.

Tras unha reunión interdepartamental celebrada este luns na que a Consellería de Sanidade expuxo un informe relativo a este tema, o presidente da Xunta fixo uso da súa capacidade como autoridade competente delegada e asinou o Decreto polo que Galicia apraza a apertura de discotecas e establecementos de ocio nocturno.

En opinión do goberno galego, o funcionamento destes locais “non procede por agora” e considera preferible agardar a que se poida avaliar o resultado do levantamento doutras restricións, como o libre tránsito entre as catro provincias galegas que entrou hoxe en funcionamento xunto coa entrada da Comunidade Autónoma na fase 3.

Durante as conversas mantidas con membros do sector, a Xunta de Galicia recoñeceu e agradeceu o esforzo que está a facer ao ver prolongadas as restricións que lles afectan en aras da maior seguridade para o conxunto dos galegos, e trasladoulle o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente co obxectivo de que a apertura a partir de xullo poida facerse nas condicións máis viables que sexan posibles.

Artigos relacionados

Back to top button