OurenseÚltima hora

A Galiciencia 2016 espera a visita de máis de 2.000 escolares de toda Galicia

A feira científica exporá 75 proxectos do 16 ao 18 de novembro na Tecnópole (Ourense)
Imaxe da Galiciencia 2015.
Imaxe da Galiciencia 2015.

No recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense) está xa todo preparado para celebrar a 11ª edición de Galiciencia, a maior feira científica de Galicia que abrirá as portas do 16 ao 18 de novembro.

Durante esos tres días permanecerán expósitos os 50 proxectos de Secundaria e os 25 de Primaria (seleccionados entre máis de cen candidatos). Un pastilleiro intelixente para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou a reutilización de toalliñas húmidas como material de recheo en edredóns e chaquetas son só algúns dos inventos, centrados en resolver problemas reais, que poderán verse, e no caso dos de Secundaria situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2017.

Nesta edición os proxectos están elaborados por equipos procedentes de toda Galicia, Cataluña, Euskadi e, por primeira vez, Asturias de 35 colexios e institutos diferentes.

 

Visitantes na anterior edición da feira científica na Tecnópole.
Visitantes na anterior edición da feira científica na Tecnópole.

Segundo a Tecnópole, a previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2.000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas e de 15 a 18 horas.

As actividades paralelas deste ano terán as matemáticas como protagonistas. Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros nos que se explorará a relación das matemáticas coa enxeñería e coa natureza, co obxectivo de demostrar ata qué punto os números están presentes na nosa vida cotiá. Esta será tamén a idea principal do espectáculo científico e dos talleres para os máis pequenos.

Artigos relacionados

Back to top button