ConcellosEntroido 2026Última horaVerín

Garda Civil, Policía Local e Protección Civil organízanse nun “plan de especial eficacia” para o Entroido de Verín 2026

Trala Xunta Local de Seguridade, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, anima á cidadanía a desfrutar dos días de festexos “con responsabilidade e cumprindo as normas”

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, coordinaba na mañá deste mércores 28 de xaneiro aos distintos corpos de seguridade implicados no dispositivo especial do Entroido 2026 de Verín. “A Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil están organizados nun plan de especial eficacia para lograr un ano máis unhas festas seguras e divertidas”, explicou.

Na Casa do Concello de Verín, Eladio Santos, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, copresidiron a Xunta Local de Seguridade ordinaria na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio, os casos de violencia de xénero e o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos, ademais de abordarse a coordinación do dispositivo de seguridade para as vindeiras celebracións do Entroido. Tamén participaron na reunión a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, e representantes da Xunta, da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil.

 

 

Tras analizar o dispositivo de seguridade do Entroido, o subdelegado animou á cidadanía a desfrutar dos días de festexos “con responsabilidade e cumprindo as normas” para garantir a normalidade nas celebracións. “O dispositivo está preparado e planificado para garantir o correcto desenvolvemento da programación, pero pedimos, como sempre, a colaboración cidadá”, expresou.

Respecto á seguridade cidadá, a Garda Civil repasou os datos de criminalidade correspondentes ao ano pasado, nos que se observa unha baixada do número de delitos superior ao 7% no municipio, respecto ao 2024. Tamén destaca o aumento do índice de esclarecemento en 2025, xa que subiu máis de 10 puntos porcentuais en comparación co ano previo. É salientable a diminución das infraccións penais contra o patrimonio e contra as persoas.

 

 

En canto á análise de datos de violencia de xénero, en Verín hai 52 casos activos (6 menos que na anterior Xunta Local de Seguridade de hai un ano), dos 567 da provincia de Ourense. Ao respecto, o subdelegado sostén que “a violencia de xénero segue a ser un problema preocupante” e pide “a implicación das Administracións e toda a sociedade na loita contra esta lacra”.

A Garda Civil explicou que no marco do Plan Director para a Convivencia e mellora da seguridade nos seus educativos e nas súas contornas se ofreceron 24 charlas nos centros do municipio durante o curso escolar pasado, 5 máis que no 2023-24. Participaron case 900 alumnos e máis de 60 profesores. Ademais, as temáticas máis demandadas nestes momentos son o acoso e o ciberacoso, o uso das novas tecnoloxías e o medio ambiente, especialmente solicitada a partir dos devastadores lumes forestais do ano pasado.

Back to top button