CulturaCulturaÚltima hora

Gargallada estreará o 8 de setembro “Crónica dun pobo”, a súa nova comedia, no Barco

Ese día representarase ás 21h. no Teatro Lauro Olmo e o 9 de setembro haberá unha nova función ás 20h.

 

A nova montaxe da compañía valdeorresa Gargallada Teatro chegará aos escenarios o vindeiro 8 de setembro. A estrea de “Crónica dun pobo” está prevista para as 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco e, ademais está prevista unha segunda función ao día seguinte, ás 20h. A obra básease en dúas pezas teatrais de Gila, adaptadas e traducidas ao galego por Manuel Caramés.

“Crónica dun pobo achega á escena, a modo de farsa histórica, unha visión traxicómica sobre as guerras e os réximes autoritarios desde a perspectiva das xentes do común, que son realmente as que padecen as súas desastrosas consecuencias. E todo isto pasado pola peneira do humor mordaz de Miguel Gila a través das clásicas escenas do absurdo nos campos de batalla e nos cuarteis”, avanzan dende Gargallada Teatro.

Esta obra, duns 65 minutos de duración e dirixida por Manuel Caramés, conta cun elenco formado por Xosé Lois Conde, Juanjo Fernández, Reyes Limia, José Manuel G. Borace, Álvaro Baños, Aurora Fernández, Lalo Santos, Carmen Hernández, Manuel González, Moncho Díaz Macías, Ángel Rodríguez, Emilio González López, Xabier Blanco e coa colaboración de Antela Roo.

A escenografía é de Gargallada Teatro e Carpintería Raúl, da iluminación e do son ocuparase Vanesa Yáñez (Ton&Son), mentres que o vestiario é de Gargallada Teatro e Confecciones Mayayo e a cartelería de Manuel Caramés e Gráficas Peymar. Ademais o boneco de Don Nicanor que aparece na representación foi realizado por Artesanía Enxebre.

De novo Gargallada embarca ao público nunha comedia, pero desta volta con notas tráxicas e dentro do esperpento que caracteriza a Gila. Unha obra para rir, pero, sobre todo, para pensar.

Artigos relacionados

Back to top button