EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

‘Gastromímate, unha ponte de sabores’, a proposta de AEVA para promover o sector primario, hostaleiro e turístico de Valdeorras

As actividades, que se desenvolverán entre o 3 e o 11 de decembro, inclúen un concurso de maridanza de viños e pratos para hostalaría, un obradoiro e cata de produtos na praza de abastos do Barco e unha andaina con experiencia gastronómica pola Vía Nova

Publicidade
Imaxe dunha copa de godello da D.O. Valdeorras./ Foto: A.R.

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras impulsa para a ponte de decembro unhas xornadas para todos os públicos que buscan, ademais de impulsar aos sector da hostalería, promover unha alimentación saudable e consciente, con especial atención ao valor diferencial da gastronomía valdeorresa e do sector primario da comarca, en harmonía cos viños da D.O.

Baixo o título ‘Gastromímate, unha ponte de sabores’ as actividades desenvolveranse entre os días 3 e 11 do mes de decembro, comezando co II Concurso de Maridanza para establecementos de hostalaría da comarca de Valdeorras, que dá continuidade á súa exitosa primeira edición, celebrada no Entroido de 2019, e que quedou interrompida pola pandemia. Desde o día 3 ata o 10 de decembro, os locais participantes deberán ofrecer a súa fusión de viños tintos ou brancos con gastronomía, nunha proposta “natura” elaborada para a ocasión a modo de prato, ración ou brunch, doce ou salgado, con produtos de tempada e proximidade, como poden ser as setas, a cabaza, as castañas, as noces ou o mel da zona.

 

 

Un xurado profesional visitará na derradeira xornada (o sábado, día 10) os seis establecementos finalistas, é dicir aqueles con máis puntuación do público, para avaliar as maridanzas propostas e valorará tamén o emprego de produtos gourmet de proximidade, como os queixos, embutidos ou aceites da comarca, e viños e licores da D.O. Valdeorras. Ademais, os locais que fagan parte na ruta do concurso contarán con furnas para que o público poida votar tamén as preparacións acompañadas dos viños. As votacións poderán facerse entre os días 3 e 9 de decembro, e entre as persoas que participen na degustación e emitan o seu voto sortearanse tres tarxetas regalo ValdeCASH e un lote de viños da D.O. de Valdeorras.

Para os establecementos de hostalaría que participen no II Concurso haberá un premio por voto popular, ademais doutros dous do xurado, un pola maridanza con viño tinto e outro pola maridanza co viño branco.

Os negocios que queiran formar parte do concurso poderán anotarse desde hoxe e ata o día 30. Poderán facelo a través dun formulario accesible na web da asociación ou enviando un mail a aeva@empresariosdevaldeorras.com.  A entrega de premios terá lugar o domingo 11 de decembro, ás 12:30 horas, nun acto que estará precedido dun percorrido a través do Malecón coa participación da regueifeira Lupe Blanco Vázquez, quen sacará o mellor das súas dotes interpretativas e de improvisación oral nun roteiro aberto a quen queira sumarse á comitiva.

O programa complétase coa acción ‘Gastromímate no mercado’, que decorrerá o día 10 na praza de abastos do Barco de Valdeorras. Entre as 10:30 e as 12 horas, as persoas participantes poderán descubrir unha nova cara do mercado, da man da nutricionista e tecnóloga dos alimentos Ana Isabel Fernández Escuredo, quen afondará no valor do produto de tempada e Km 0 a través dun percorrido explicativo polos postos do recinto no que encher a cesta da compra de forma consciente. A sesión que inclúe, ademais da visita, unha cata de viños de Valdeorras e dalgúns alimentos de tempada, a cargo da sumiller Mercedes González Rodríguez.

Andaina pola Vía Nova

 

 

Xunto cos eventos gastronómicos, AEVA programa para a mañá do día 3 de decembro unha actividade destinada a dar a coñecer os vestixios da Vía Nova Romana, ao seu paso polo parque natural da Serra da Enciña da Lastra. O percorrido estará guiado polo arqueólogo Santiago Ferrer, quen achegará ao público os datos máis relevantes da historia da construción e o seu contexto histórico, e o biolólogo Miguel Conde. A andaina remata en Biobra, no Centro de Interpretación do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, onde gozaremos dunha experiencia gastronómica que incluirá unha cata de viños de Rubiá e produtos locais preparados cun matiz historicista, para relacionalos coas pegadas da romanización en Valdeorras. Esta degustación estará conducida pola enóloga valdeorresa Cecilia Fernández.

O paseo está dirixido a todos os públicos –aínda que require unha mínima capacidade física– incluído menores de idade, sempre que vaian acompañados. Para participar é necesario cumplimentar o seguinte formulario e adxuntar unha fianza de 5€, que se devolverá o día da andaina ou no caso de non asistencia por causa de forza maior. Tamén é posible inscribirse no correo aeva@empresariosdevaldeorras.com.

 

Artigos relacionados

Back to top button