SanidadeÚltima hora

Germán Rodríguez-Sáa: “Queremos ter representación en cada municipio ourensán”

O novo presidente da Asociación Española contra o Cancro en Ourense asegura que "debemos traballar por reducir as desigualdades que a enfermidade segue xerando e mellorar a atención e o acompañamento"

Publicidade
Germán Rodríguez-Sáa, novo presidente da AECC./ Cedida.

 

Novo rostro á fronte da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense. Germán Rodríguez-Sáa vén de asumir o cargo de novo presidente da entidade, á espera da formación do novo Consello Executivo, que completará o equipo. Rodríguez- Saa substitúe no posto a Dora Gómez, quen tras 8 anos á fronte da AECC en Ourense despídese dunha etapa que describe como “unha experiencia chea de bos momentos, dunha gran aprendizaxe e dun crecemento persoal importante”.

A estas palabras, Dora engade o seu enorme agradecemento ao equipo de traballo, órgano de Goberno, responsables de Xuntas Locais, persoas voluntarias, socias e colaboradores e os seus mellores desexos para o novo presidente, nas súas palabras “unha persoa nova, con alta preparación e capacidade de traballo e, sobre todo, con moita ilusión e ganas de traballar por e para a AECC”.

Entre os logros máis destacados durante a presidencia de Dora Gómez están a celebración anual da Gala contra o Cancro, a destinación dun espazo específico para o banco de perrucas, a apertura das sedes locais de Verín e Xinzo, a consolidación do servizo de atención psicolóxica no Barco de Valdeorras e a instalación de aseos adaptados para pacientes ostomizados na sede.

Por todo iso, Germán Rodríguez-Sáa manifesta o seu agradecemento a Dora polo seu “encomiable labor e polo tempo que nos dedicaches e dedicarás porque es un activo importantísimo desta asociación. Deixaches o listón moi alto”. Durante o próximos catro anos, Germán Rodríguez- Sáa representará á organización traballando para mellorar os servizos, prestacións e recursos que a AECC vén ofrecendo á poboación ourensá.

Empresario vinculado ás enerxías verdes e organizacións do terceiro sector, o novo presidente aposta por un traballo que faga visible as necesidades dos máis de 2.500 ourensáns con cancro e que fomente a prevención da enfermidade na provincia.

O presidente, que asume o cargo nun ano se cabe aínda máis marcado polas desigualdades sociais e económicas, manifestou a súa intención de “contar con representación en cada municipio ourensán para coñecer as particularidades oncolóxicas de cada zona e servir de referencia e apoio en novos núcleos rurais”.

Ademais de “loitar por ter presenza naqueles municipios onde as persoas con cancro aínda descoñecen a actividade da AECC e todo o que podemos achegar. Todos os ourensáns e ourensás deben ser iguais ante o cancro, debemos traballar por reducir as desigualdades que a enfermidade segue xerando e mellorar a atención e o acompañamento nunha provincia condicionada polo envellecemento e a dispersión poboacional. Nesta tarefa será fundamental a figura do voluntariado”.

En marzo de este mesmo ano, a sede da AECC en Ourense trasladouse á rúa Doutor Marañón 21, nun espazo onde se poderá mellorar a atención e servizos de apoio a pacientes. Nesta liña, Germán Rodríguez- Sáa destaca “a oportunidade de contar cunha sede situada a pé de rúa, máis accesible e próxima, adaptada ás necesidades dos pacientes oncolóxicos e as súas familias. “Desde aquí seguiremos ofrecendo os servizos de atención psicolóxica, atención social e o préstamo de materiais ortoprotésicos ou perrucas. Ademais, contamos con moito máis espazo para realizar actividades como talleres ou organizar charlas. Outro dos grandes éxitos foi a incorporación de aseos adaptados para pacientes ostomizados”.

Artigos relacionados

Back to top button