PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero di que Feijóo “dá ás costas aos municipios do interior de Galicia”

O secretario xeral do PSdeG visitaba o 17 de novembro Ribadavia en compaña do seu alcalde, Ignacio Gómez
Gonzalo Caballero, durante a súa visita a Ribadavia.

 

“Xa non ten ningunha credibilidade. Rematou o tempo no que podía intentar enganar á opinión pública”, aseguraba en Ribadavia o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, referíndose ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ás súas políticas na Galicia interior. “Non proporcionou o impulso que necesitan os concellos pequenos e, ademais, deixa uns servizos públicos moi deteriorados e unhas posibilidades económicas mermadas”, aseguraba o líder dos socialistas galegos.

E engadía que Feijóo “dedicou a lexislatura a traballar na súa promoción dentro do seu partido” e reprobou que non puxese en marcha “un só avance” que permitise mellorar “a calidade de vida” da cidadanía da Galicia interior. No caso concreto de Ourense, Gonzalo Caballero recordou que ten os salarios e as pensións nos postos máis baixos de España, de xeito que urxiu “un programa de acción real” que dea “opcións de futuro”. Trátase, segundo as súas propias palabras, de “igualdade de oportunidades” a quen vive en vilas como Ribadavia, Verín, O Carballiño ou Amoeiro que aos veciños e veciñas da Coruña ou Vigo.

Para Caballero a política do PP nos pequenos concellos resúmese en “abandono” e a das cidades en “caos”. E iso, dixo, apréciase na única cidade que goberna, Ourense, “onde nin sequera se aprobou un orzamento neste mandato”. Fronte a isto, o secretario xeral dos socialistas galegos esixiu á Xunta que “cumpra” con Ribadavia e dea solución ao “deterioro” das súas infraestruturas e tamén cos servizos públicos. A modo de exemplo, Gonzalo Caballero citou o centro de saúde “do século XXI” para Ribadavia do que Feijóo se ten “esquecido”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, lamentou que as beirarrúas da OU-504, unha estrada autonómica inmersa no núcleo urbano, están “desfeitas” sen que a Xunta “asuma as súas competencias” e actúe para mellorar a seguridade vial.

Nesta visita a Ribadavia, ademais do equipo de goberno local, encabezado por Ignacio Gómez, participaron numerosos cargos públicos e orgánicos da provincia, como o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, ademais de Gonzalo Caballero.

Artigos relacionados

Back to top button