PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero visita Carballeda de Avia

Publicidade
O secretario xeral electo dos socialistas galegos achegábase ata zonas afectadas polo lume nesta localidade e en Pontecaldelas
Gonzalo Caballero, xunto a unha das casas danadas polo lume en Carballeda de Avia.

Na mañá do 20 de outubro o secretario xeral electo do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, visitaba Formosas, no concello de Carballeda de Avia, acompañado polo alcalde, Luis Milia e representantes da comarca, antes de desprazarse, pola tarde, a Pontecaldelas (Pontevedra). Nesta localidade ourensá Caballero aseguraba que “Galicia non se merece un goberno que non teña capacidade efectiva na prevención nin na loita contra os incendios”.

Ademais situaba na “máxima urxencia” que os gobernos central e autonómico poñan en marcha “axudas económicas para que os veciños que teñen perdidos seus bens poidan recuperar a súa vida con normalidade”. Reivindicou “un gran pacto social” para loitar contra o lume e recuperar a masa forestal”.

 

Caballero, xunto ao alcalde de Carballeda de Avia, durante a visita.

Asemade lamentaba o “abandono” que sufriron os veciños e o propio alcalde, que “estivo á fronte do operativo, traballando a pé de rúa cos seus veciños nunha situación crítica. Eles tiveron, dixo, que paliar a ausencia dun goberno que non exerceu o seu traballo para loitar contra o lume e na defensa das vivendas e da masa forestal, e que neste caso cobrouse a vida dunha persoa”.

Pola súa banda, o rexedor de Carballeda de Avia pedía a declaración do Concello como “zona catastrófica” logo de constatar que o lume afectou ao 77% do seu territorio, co que “ardeunos non somentes o monte, que é o noso medio de vida e fonte de riqueza, senón que ademais danáronse os distintos pobos”. Advertía de que o Concello ten os “servizos básicos afectados”, por unhas lapas que danaron gravemente tamén o alumeado ou a auga, ocasionando “danos altamente cuantiosos”.

Apuntou a urxencia de recuperar ademais o entorno medioambiental do municipio, que contaba con diversas rutas naturais que supuxeran o investimento de 1,3 millóns do goberno central e 1 millón da Xunta, que “tiña atractivo e xeraba riqueza, e agora é unha tristeza velo”, dicía.

Artigos relacionados

Back to top button