
Despois do éxito da primeira edición do festival urbano celebrado o ano pasado, GOOM abrirá de novo as súas portas o vindeiro 14 de agosto con ‘GOOM GALIFORNIA EDITION’.
Nesta segunda edición, GOOM aspira a ser un festival no que teña cabida todo tipo de música por iso amplía os xéneros e contará con rap, urbana, EDM, rock… Como o seu propio nome indica ‘GOOM GALIFORNIA EDITION’ dará voz a artistas galegos contando, entre outros, con Ricky Hombre Libre ou Mark Deluxe, Dj residente da discoteca Pelicano na Coruña e participante en ‘O son do camiño 2022’.

Tal como explican dende a organización, GOOM pretende “poñer a Valdeorras nun punto de referencia tanto cultural como polo seu innegable valor vinícola”, polo que contará co apoio e colaboración do Consello Regulador. Así, nesta segunda edición do festival haberá moita música, pero tamén terán lugar dúas catas para promover un dos principais motores da zona; o viño.
“Contaremos ademais coa participación de varios influencers para que nos axuden a dar repercusión mediática da nosa comarca, da nosa paisaxe e dos nosos recursos naturais”, din dende GOOM adiantando que oroximamente anunciarán máis artistas “como por exemplo a actuación dun tributo a unha famosa banda de rock californiana”.