Os días 5 e 19 de cada mes A Mezquita celebra a súa tradicional feira, pero dende o Concello que preside Rafael Pérez, decidían darlle un novo formato á do mes de agosto, en pleno verán e aproveitando a tempada estival e a chegada dos veraneantes. Así nacía Artesanato, un novo concepto de feira que mestura a parte comercial coa cultural e festiva, e que na mañá deste xoves celebraba a segunda edición.
Tal como explica o propio alcalde a idea era darlle maior duración á feira, en horario de mañá e tarde, incluíndo actividades variadas de íncole cultural e musical para “situar á Feira da Mezquita no mapa da comarca como estivo hai anos”, di Rafael.

Así, en torno ás 11 horas inaugurábase a mostra na que participaron unha trintena de postos con produtos moi variados: comestibles ecolóxicos, xoias artesás, roupa, instrumentos de percusión, coiro, cervexa artesá, xabóns naturais, mel ecolóxica, produtos de madeira e cerámica, bolillos, camisolas, produtos de resina,…Tamén había apeiros de labranza e mesmo unha exhibición a cargo dun grupo de palilleiras.
A mañá remataba coa actuación da Banda de Gaitas As Portelas de Lubián e a programación regresaba pasadas as seis da tarde. A esa hora actuaba Run Run coa obra Díxoo Thais e non se fale máis e de seguido proxectábase o documental Rico de Guiz. O programa continuaba coa compañía Desastronauts ofrecendo o espectáculo circense Máis alto aínda. O apartado musical corría por conta de Cé Orquestra Pantasma acompañando aos contos de Fran Guede e a cea a base de porco ao espeto.

O broche a esta segunda edición de Astesanato poñeráa xa de noite, a Foliada Tradicional da Mezquita.
Dada a actual situación sanitaria, o evento contou con todas as medidas de protección, hixiene e seguridade relacionadas coa prevención do Covid-19, contanco coa colaboración e responsabiliade dos asistentes.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.