En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Gran diversidade de cogomelos, xantar gourmet e humor, nas XX Xornadas Micolóxica do Club Montaña Trives

Ademais ata o domingo 3 de novembro poderán saborearse as propostas do V Concurso de tapa micolóxica en 12 establecementos da vila

 

Coa posta en marcha do V Concurso de tapa micolóxica comezaba na tarde do 1 de novembro o programa propiamente dito das XX Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives, cuxas actividades continuarán ata o domingo 3 de novembro.

Neste certame participan nesta edición 12 establecementos de hostalaría: Boliche, Casanova, Quintela, O Lar de Alicia, Sky, San Martín, O Bodegón, A Cantina do Catro, Manolos, Oca Nova Manzaneda, O Paíño e O Pan da María. Cada tapa ten un prezo único de 1,50 euros e será valorada por sabor e presentación polo xurado popular. O concurso concluirá o 3 de novembro ás 15h. e ás 18h. farase un sorteo de agasallos entre o público participante na praza do Reloxo.

 

 

Ademais, a primeira hora deste sábado 2 de novembro impartíase unha charla sobre micoloxía, a cargo da asociación Os Cogordos, no auditorio trivés. Unha hora despois saíase monte para recoller cogomelos. As chuvias dos últimos días e as altas temperaturas favorecían que os participantes puidesen reunir un gran número e tamén unha gran diversidade de especies.

Logo, ás 14:30h. servíase xantar gourmet micolóxico no Restaurante A Viuda de Trives (cunha entrada de 25 euros). E, na sobremesa, os asistentes desfrutaban do humor do actor ourensán Sergio Pazos. Despois do xantar procedíase á clasificación dos cogomelos recollidos no patio da Casa Grande e, seguidamente, abríase ao público a súa exposición ata as 22h. Esta mostra tamén poderá visitarse ao longo do 3 de novembro.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última da galería que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button