Facía moitos anos que o campo de fútbol da Rúa non rexistraba unha entrada como a de hoxe, con centos de afeccionados animando ao equipo, dende a bancada e sobre todo a pé de campo. E non era para menos xa que facía tamén moito tempo que o CD Rúa non disputaba unha final da fase de ascenso.
Trala vitoria na tanda de penaltis o pasado domingo 22 de maio ante ao Taboadela, o equipo amarelo que dirixe Javier Ferrer pasaba á gran final polo ascenso a Primeira Galicia, tendo como rival a un novísimo Pabellón Ourense CF.
Dende o club levaban unha semana animando á afección a asistir ao Vicente Solarat Maceda vestida de amarelo para animar ao equipo e o reclamo (o sorteo de varios agasallos, entre eles un xamón) surtiu efecto, enchéndose o campo de xente, aínda que non todos ían de amarelo.
Sobre o terreo de xogo os noventa minutos de partido esgotábase sen goles, tendo o Rúa unha boa ocasión no 90′ que daba no pau. Así as cousas, chegaba a prórroga, cun xogo moito máis intenso e tras moitos intentos na segunda parte deste tempo extra o conxunto ourensán marcaba o único tanto do encontro botando por terra o soño rues.
Foi unha tarde de nervios e tensión que se palpaba no campo e sobre todo entre algúns afeccionados que xa preto do final protagonizaban unha desagradable situación que non chegou a ser grave pero si desluciu o xogo. Así e todo, aínda que desta volta non pudo ser, o CD Rúa pelexou ata o último momento e á saída do terreo de xogo rumbo aos vestiarios, a afección aplaudía aos xogadores coma se fosen os campións.
Fotos: Carlos G. Hervella.