Máis de 60 músicos locais uníronse nun concerto solidario en favor das vítimas da DINA que asolaba a Comunidade Valencia no mes de outubro. Así, na tarde deste venres 6 de decembro, un total de 15 artistas e agrupacións enchían de música o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras cunha fin benéfica, posto que o importe das entradas será dirixido ás vítimas das inundacións.
“Nunca tantos artistas locais se uniran para colaborar nun evento conxunto que foi presentado por Guti González”, aseguran dende a organización, destacando tamén a cooperación de case unha vintena de traballadores voluntarios.
A solidariedade dos valdeorreses quedaba patente na gran resposta do público. “A primeira hora da tarde xa se venderan 200 entradas de xeito anticipado, tendo en conta que o Teatro Lauro Olmo dispuña de 275 butacas”, aseguran dende a organización, explicando que as entradas vendéronse a un prezo de 10 euros tanto por internet como na tenda Ton y Son (responsable tamén da parte técnica do concerto), ademais de na billeteira do auditorio. Por outra banda, abriuse unha fila cero a 5 euros para quen quixese colaborar pero non puidese asistir.
No evento envorcáronse diversas institucións e negocios: o Concello do Barco, Javier Brasa Fotografía e tamén o Cineclub Groucho Marx, que se sumou a iniciativa doando parte da recaudación de varios filmes. E sobre o escenario, a música de Carlos Cañas, o Conservatorio e a Escola de Música do Barco, El Patio de Leni, Green Angels, Guti, Los Íñigos, Navegando a Barlovento, Nerea Jiménez, No-Time, Paco Campos, Scala, Seika, Sito, Sr. Jingles e The Black Wings, interprentando dúas pezas cada agrupación.
A recadación será destinada aos afectados pola DINA a través da Fundaciò Horta Sud. “É unha entidade da comarca da Horta Sud, a máis afectada polas inundacións, e está a traballar na reconstrucción material e social dos municipios afectados. A fundación ten 52 anos de experiencia e canalizará os recursos ás persoas que precisen a axuda dos valdeorreses”, aseguran os promotores da iniciativa.
Fotos e vídeos: O SIL.