Dous partidos e dúas vitorias. Da mellor forma posible comezaba a liga 2023/2024 o CD Viana que na tarde deste domingo 24 de setembro goleaba (4-1) na casa ao Atlético Vilariño, con triplete de Iván Pérez que adicaba cada un dos goles ao seu primo Jaime falecido nun accidente.



Foi un bo partido o disputado no campo dos Carría, que quedaba practicamente sentenciado no primeiro tempo polo equipo loccal “fronte a un recén descendido de categoría que ben seguro vai estar arriba ao longo desta tempada”, aseguran dende o club celeste.

O primeiro gol de Iván chegaba ao pouco de comezar o partido, no minuto 4 e o segundo xa no 29′. O terceiro tanto de Iván Perez chegaba xa rozando o descanso ao transformar un penalti. No minuto 60 os visitantes recurtaban distancias pero no 86′ Héctor sentenciaba o encontro co 4-1 final.
A nota negativa da xornada “foi a lesión de Javi Penouta cun esguince de nocello grave que o terá afastado dos terreos de xogo unhas semanas”, contan dende o club que dende as redes sociais danlle “ánimos de toda a familia do CD Viana”.
Con este resultado o conxunto celeste que adestra Julio Couso sitúase no terceiro posto da clasificación. A vindeira semana volven xogar na casa, desta volta fronte ao Taboadela “outro equipazo que xa a tempada pasada nos tocou enfrentarnos na fase de ascenso”, adiantan dende o CD Viana que contan cunha gran afección que un domingo máis acudíu ao campo a desfrutar da tarde de fútbol.
Fotos: Carlos G. Hervella.