CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Grilo comeza no Barco a xira presentación do seu novo sinxelo ‘Deixádeme’

A banda, liderada polo barquense Adrián Gómez, actuará na Sala Baranda o vindeiro 25 de febreiro

Imaxe do videoclip ‘Deixádeme’.

 

Da man de tres músicos (Adrián, á guitarra e á voz; Miguel, á batería; e Alberte, ao baixo e aos coros) en 2018 nacía en Compostela, Grilo, un grupo rock en galego que en novembro dese mesmo ano publicaba o seu primeiro sinxelo, Criminal, un trallazo de rock duro que xa deixaba ver as influencias nas que se move o grupo.

O seu segundo asalto sonoro, Rebelión, foi publicado en febreiro de 2019 permitindo á banda posicionarse no xerme da nova escena musical galega, e un ano despois chegaba Dálle Lume, un esperado LP conformado por nove cancións en lingua galega e letras potentes e reivindicativas que o grupo leva aos directos dunha maneira coidada, sorprendente, impactante e con grandes doses de adrenalina.

 

O barquense Adrián Gómez (centro) é o cantante e guitarrista de Grilo./ Foto: FB Grilo.

 

Agora, tralo parón a raíz da pandemia de Covid-19, Grilo volve aos escenarios con máis forza ca nunca, para presentar Deixádeme, unha nova canción na memoria de Chris Cornell, cantante de bandas como Soundgarden e referente do grunge e do rock alternativo, que fala de como unha persoa pode chegar a sentirse ao estar exposta a nivel mediático e público, da dificultade de xestionar o torrente de emocións que un artista ten sobre un escenario e do lugar de vulnerabilidade no que o sitúa.

Coa presentación do novo sinxelo, Grilo arranca unha xira por salas galegas. A primeira actuación terá lugar o vindeiro 25 de febreiro no Barco, na Sala Baranda; e despois irán a Pontevedra (Sala Karma, o 5 de marzo); Lugo (Club Clavicembalo, o 12 de marzo); Ourense (Auriense, o 19 de marzo); e Melide (Pub Gatos, o 26 de marzo).

 

Artigos relacionados

Back to top button