EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Guiño ás Tanxugueiras no sorprendente e artístico desfile de Jorge De Álvarez en Viana

Foi a presentación da nova colección 'Empty Noise' e contou co grupo de danza de Fran Sieira

 

Dende que se introduciu no mundo da moda e do téxtil, o vianés Jorge Álvarez foi quen de reinterpretar as prendas máis clásicas en deseños atemporais e sen xénero, levando a cultura galega cara unha modernidade intercultural sen fronteiras e dende o rural.

 

 

Unha máxima que volvía poñer de manifesto no desfile de moda que na tarde deste domingo 14 de agosto enchía de público a rúa do Toural na súa vila natal, Viana do Bolo. Un desfile no que Jorge quixo facerlle un guiño ás Tanxugueiras, as cantareiras do Século XXI que tantas alegrías lle levan dado dende que as vestiu para o Benidorm Fest. De feito, era ao ritmo das súas cancións (dente Terra ata Midas ou Averno) e vídeos proxectados a través dunha pantalla, como daba comezo o espectáculo, cun pase de baño que contou coa arte de Electra que amosou a bandeira do colectivo LGTBI, nun claro exemplo de desfile artístico e reivindicativo que aposta pola diversidade.

 

Compañía de Danza Fran Sieira.
Jorge Álvarez.

Presentando por Esther Estévez (condutora do programa da TVG ‘Dígocho eu’), a quen tamén vestiu Jorge De Álvarez para a gala dos Premios Mestre Mateo, o seguinte pase era o da tenda convidada, Bulideira de Santiago de Compostela, que presentou unha colección centrada no traxe rexional e inspirada nas loitadoras mulleres galegas.

 

 

Chegados a este punto tocáballe o turno ao baile, a cargo do grupo de danza de Fran Sieira (tanto o propio Fran como Artur tamén desfilaron), o mesmo que acompaña ás Tanxugueiras, formado nesta ocasión por tres bailadoras e tres bailadores que interpretaron unha fermosa peza que cuestiona o rol de xénero nos traballos e pezas tradicionais galegas.

 

 

Como en edicións anteriores, o desfile incluíu un concurso (nesta ocasión centrado nas palabras) con agasallos cedidos polos colaboradores, ata o momento máis esperado do desfile: a presentación da nova e sorprendente colección da firma Jorge De Álvarez que espertou unha gran expectación. Despois de amosar un avance na Mostra do Encaixe de Camariñas e presentala en Madrid diante de críticos e prensa, Jorge De Álvarez amosaba en casa ‘Empty Noise’ colección inspirada na guerra interna de cada persoa que se viste para combater día a día nunha loita que non é visible como a ansiedade ou a identidade de xénero. Modelos masculinos e femininos onde predominan os tons negros, azul noite, grises e vermellos. Unha colección na que destacan looks como o que se asemella ao uniforme dun aviador ou o conxunto que destaca pola súa toureira con detalles nas costas, así como a do paracaidista.

 

 

Entre sonoros aplausos e vítores saía por fin Jorge para saudar ao público dando as grazas, visiblemente nervioso, a todas as persoas e entidades que fixeron posible o desfile. Dende o Concello de Viana do Bolo e todos os convidados (de non estar de xira de seguro que Olaia, Sabela e Aida -Tanxugueiras-) tamén terían estado), ata a súa familia que o apoia de forma incondicional e toda a xente que colabora con el.

 

 

Tras hora e media de espectáculo, finalmente Jorge despedíase dos asistentes cun contundente ‘Ata o ano que vén’.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button