A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Homenaxe á bibliotecaria da Rúa, Gema Fernández Vizcaya, pola súa xubilación

 

Igual que fixeran con Julio Cao en novembro de 2021 e con Alejandro Nogueiro en febreiro de 2022, o Concello da Rúa vén de recoñecer o labor doutro dos traballadores municipais que se xubilaba hai apenas unhas semanas.

Na tarde deste luns 2 de maio, antes da sesión ordinaria do Pleno, a corporación municipal rendía unha pequena homenaxe á bibliotecaria, Gema Fernández Vizcaya, quen tras 45 anos á fronte da biblioteca municipal, collía por fin un merecido descanso. Era o propio alcalde, Álvaro Fernández, e a concelleira Teresa Varela quenes lle entregaban unha placa cun poema de Rosalía de Castro. “Sabemos que che gusta a poeta galega por iso pensamos que este detalle che ía agradar”, dixo o rexedor antes de pedir un forte aplauso para ela.

Amante da cultura e nomeadamente da literatura, Gema foi sempre a alma da Biblioteca Municipal da Rúa, aínda que non sempre estivo na ubicación actual. “Empecei en outubro de 1977, con 20 anos, o que hoxe se chamaría voluntariado”, lembra a bibliotecaria, explicando que daquelas a biblioteca abría 2 horas nas dependencias do chamado Grupo Escolar(actualmente CEIP Manuel Respino), e o seu traballo consistía en atender unha aula de estudo. “Non tiña seguro e recibía unha pequena remuneración”, puntualiza. Anos despois, cando se construíu a Casa do Concello, a biblioteca pasou a ocupar unha parte da planta baixa e abría xa a media xornada, sendo no ano 1992 cando pasaba ao edificio da Casa de Cultura, e alí estaría noutra sala ata acabar no espazo que ocupa actualmente.

 

Gema F. Vizcaya amosando un dos libros que tivo que reetiquetar hai dous anos./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Ao londo de todos estes anos, polas mans de Gema pasaron centos e centos de libros, especialmente nos dous últimos cando a bibliteca pasou a formar parte da Rede galega. Para os usuarios son todo vantaxes, podendo retirar libros cun único carné en todas as bibliotecas galegas integradas e tamén acceder ao Catálogo Colectivo da Rede, pero para o persoal da biblioteca, sobre todo cando se trata dunha soa como é o caso da Rúa, supuxo un traballo extra para conseguir que os libros “migrasen do programa Meiga que era o que tiñamos antes ao KOHA (Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria), cun novo etiquetado con códigos”, explicaba a propia Gema hai dous anos.

Hoxe, tras 45 anos ao servizo do Concello da Rúa e da súa poboación, Gema colle un merecido descanso. É sen dúbida un momento importante e feliz para ela que comeza unha nova etapa pero a Biblioteca Municipal da Rúa tardará moito tempo en cubrir a súa ausencia.

 

 

Fotos e vídeo cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button