En portadaÚltima hora

Homenaxe ás mulleres do rural galego na figura da vianesa Nieves Fernández, no Consello da Cultura Galega

Ao longo deste xoves esta institución celebraba a xornada "Nieves Fernández Vidueira. A irmandade coa natureza" en Santiago

 

“Cada vez que traspaso esta porta é como abrir un cachiño da miña alma. É esquecer as preocupacións, as dores que poida ter. Cada figura é un intre da miña vida, sinto percorrer a miña historia a través destes cachiños de vida, ao tempo que entro nun mundo onde os devanceiros viviron e a onde aínda hoxe se gardan lembranzas e vellas historias. Sinto o abrazo ás veces traizoeiro da vida”. Con estas palabras de Nieves Fernández Vidueira nun vídeo realizado por ela mesma sobre o seu museo concluía ás 19h. a xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) lle adicaba este xoves en Santiago a esta gandeira, artista e poeta de Quintela do Pando (Viana do Bolo).

Esta iniciativa, titulada “Nieves Fernández Vidueira. A irmandade coa natureza” e organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, abríase ás 9:30h. da mañá coas intervencións deRosario Álvarez, presidenta do CCG; María Xosé Porteiro, directora do CDIF; Rosa Arcos e Luzia Oca González, coordinadoras da xornada que poñía o foco sobre “o rural e as súas mulleres, para recoñecer -a través da súa posta en valor- o seu papel estrutural nunha parte da sociedade da que manan aspectos esenciais da nosa cultura e da nosa identidade”.

 

 

O programa incluía diferentes intervencións de relatoras que abordaban o protagonismo das mulleres no rural, no sector agrogandeiro, tendo en conta que hoxe a titularidade do 52% das explotacións está en mans femininas, tamén expoñía unha experiencia unha experiencia de emprendemento rural e indíxena liderado por mulleres en Panamá, pero tamén as vivencias no rural galego das mulleres a través dun faladoiro.

A partir de aí cobraba protagonismo a figura da pastora vianesa, primeiro co relatorio “Cartografía de Nieves Fernández Vidueira” por Mariám Mariño Costales, técnica do CDIF; e despois coa entrevista que lle facía a escritora Mercedes Vázquez.

O momento máis emotivo da xornada chegaba arredor as cinco e media da tarde en forma de sorpresa. Proxectábase o vídeo “Así é a Nieves”, enviado pola súa compañeira e responsable de Unións Agrarias (UUAA) en Viana do Bolo, María Páez Pérez, cuxa asistencia non estaba prevista. Nesa peza contaba como coñecía a Nieves un día de 2001 mentres visitaba os soutos de Quintela do Pando e se encontraba por casualide con ela, que viña coas ovellas. A partir de entón, xurdiu unha forte relación entre ambas tanto a nivel sindical, onde teñen traballado man a man, e tamén de amizade. “Es unha muller valente, unha gandeira emprendedora e que se adaptou ás novas tecnoloxías, o teu traballo é marabilloso”, resaltaba Paéz na vídeo.

Sen embargo, xusto despois de velo, esta sindicalista aparecía na sala e fundíase entre bágoas nunha aperta con Nieves Fernández. Despois, facía unha pequena intervención repasando algúns dos feitos máis significativos que compartía con Nieves Fernández, como as asistencias a diferentes reunións de UUAA, a concesión da Orde ao Mérito Agrario que o Ministerio de Agricultura lle concedía o 22 de xuño 2010 ou a trashumancia coas ovellas para chegar ao encoro na seca que sufría o oriente ourensán no 2017. “Eu sei que Nieves está orgullosa de ser gandeira, e lévao no sangue”, apuntaba María Páez, que finalizaba amosándolle o seu agradecemento “en nome de todas as mulleres que vivimos e traballamos no rural porque hoxe estamos orgullosas de vernos reflexadas na túa figura. Hoxe es o espello de todas as gandeiras que loitamos polo noso traballo. Acto seguido, o secretario comarcal de UUAA, Santiago Barja, entregáballe un agasallo.

 

 

Xa na clausura tiña lugar un novo homenaxe á gandeira de Quintela do Pando, que nesta xornada estaba  acompañada por unha representación de Viana do Bolo, encabezada polo seu alcalde Abelardo Carballo, e da que tamén formaban parte Sara Feijóo do CIM vianés, a concelleira de Servizos Sociais, Ramona García; ao concelleiro Santiago Barja e María Páez, representante de Unión Agrarias. “Só pido que cando pasades pola Gudiña vos desviedes só 19 km e vaiades ver o museo de Nieves, que paga a pena, e ela ademais amosarávolo orgullosa”, dicía o rexedor vianés, xusto antes de entregarlle un ramo de flores a Nieves Fernández.

E, como broche, proxectábase o vídeo “O Museo da Nieves, onde a madeira e o fulión cobran vida”, que a propia gandeira contaba as súas sensacións e sentimentos arredor deste museo e das obras que contén, instalado nunha casa acondicionada polos seus fillos, aos que lles expresaba o seu agradecemento.

Fotos cedidas.

Os vídeos desta xornada poden verse na canle de youTube do Consello da Cultura Galega.

https://www.youtube.com/user/ConsellodaCultura

Artigos relacionados

Back to top button