OurenseÚltima hora

Homenaxe en Entrimo a 4 deportados ao campo de concentración nazi de Mathausen

Publicidade

 

A Asociación para A Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) traballa dende hai anos na investigación e dignificación dos galegos deportados en campos de exterminio. Entre eles figuran catro veciños do municipio ourensán de Entrimo: Abilio Álvarez Bernardo de Olelas, Avelino Pérez Rodriguez da Terracha, Higinio Rodriguez Dominguez da Pereira e Jaime Vázquez Estévez de Bouzadrago, que sufriron as penalidades do exilio nos campos de Francia.

Os catro serán homenaxeados o vindeiro sábado 8 de maio ás 12:30h. nun acto promovido pola ARMH en colaboración co Concello de Entrimo, no que ademais contarase coa presenza de familiares das persoas deportadas. No decurso deste acto de lembranza inaugurarase un monolito de honra na praza do concello de Entrimo.

“Fuxindo da represión franquista, foron recluídos nos campos de refuxiados das praias francesas. Recrutados polos franceses ao comezar a II Guerra Mundial, foron apreixados polo exército alemán e levados ao campo de concentración nazi de Mauthausen onde sufriron todo tipo de horrores, e mesmo Abilio e Avelino perderon a vida”, explican dende a ARMH.

Ademais, dende esta entidde indican que “máis de 7.000 españois republicanos e membros das Brigadas Internacionais, que loitaron pola República Española, foron enviados aos campos de Mauthausen e Gusen. En 1942, 4.400 destes prisioneros morreran. Durante moitos anos foron esquecidos en España. Non ocorre o mesmo noutros países europeo onde os deportados e resitentes son considerados como héroes e homenaxeados cada ano nas súas localidades”.

Neste senso, a ARMH promovía no 2018 unha homenaxe aos deportados galegos no Parlamento de Galicia, coa participación de todos os grupos políticos, “e estamos a realizar en todo o país númerosos actos e recoñecementos, como este que organizamos en colaboración co Concello de Entrimo”, din dende a asociación.

Os homenaxeados, segundo a información reunida pola ARMH

ABILIO ÁLVAREZ BERNARDO (1916-1942)

Abilio Álvarez naceu en Olelas o 25 de xuño de 1916. Emigrou a Tarragona, onde traballou de mineiro. Figura como membro do PSUC (Partido Socialista Unificado de Catalunya) de Reus. Durante a Guerra Civil entrou no Instituto de Carabineros, pasando a formar parte das Brigadas Mixtas do Exército da República.

A principios do ano 1939, durante a Retirada, fuxiu cara Francia polos Pireneos. Integrouse na 39 CTE (Compañía de Traballadores Estranxeiros) formada nos campos de St. Cyprien e Barcarés que estaba destinada en Moselle, na rexión de Lorena.

Capturado na fronteira con Suíza polo exército alemán, foi encarcerado en dous campos de prisioneiros de guerra (Stalag). O 27 de xaneiro de 1941 entrou no campo de concentración de Mauthausen co número 5404. O 30 de xaneiro de 1942 foi trasladado ao castelo de Hartheim, a 40 km do campo central, onde foi gaseado, rexistrándose a súa morte o 2 de febreiro de 1942.

AVELINO PÉREZ RODRÍGUEZ (1899-1941)

Avelino Pérez naceu na Terrachá o 10 de outubro de 1899. Pasou os seus primeiros anos en Entrimo, onde casou e tivo dúas fillas. Emigrou a Madrid, traballando de camareiro nos coches-cama dos trens que facían o percorrido entre a capital de España e Francia. Nos inicios da Guerra Civil figura como integrante das Milicias Cívicas de Izquierda Republicana, o partido de Azaña.

En Francia, despois de pasar polos campos de refuxiados, estivo integrado na Compañía de Traballadores Estranxeiros (CTE) nº 86. O 20 de xuño de 1940 foi capturado polo exército alemán, e despois de pasar polos stalags o 25 de xaneiro de 1941 entrou en Mauthausen co número 4724. A penosa viaxe, xunto con outros 744 españois, durou tres días, morrendo o 74% deles.

Finalmente, en febreiro, foi levado a Gusen co número 10021, onde foi rexistrada a súa morte o 5 de agosto de 1941. Causa da morte rexistrada: bronconeumonía.

HIGINIO RODRÍGUEZ DOMÍNGUEZ (1916-

Higinio Rodriguez naceu na Pereira, concello de Entrimo, o 9 de novembro de 1916. Seguramente acabou residindo no barrio do Grau de Castelló, pois este é o lugar de residencia que aparece nos documentos da deportación. En Francia formou parte da 31ª Compañía de Traballadores, con destino no departamento de Marne. Foi detido polo exército alemán o 20 de xuño de 1940.

Chegou a Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941. O seu número era o 5719, e foi clasificado como Rotspanier. Entrou na temible enfermería (revier) o 27 de xuño de 1942, segundo o ‘libro de operacións’ do campo. O 11 de marzo de 1944 foi transferido a Gusen, co número 13493. Foi liberado o 5 de maio de 1945 polo exército de Estados Unidos en Gusen. Descoñécese que foi da súa vida despois.

JAIME VÁZQUEZ ESTÉVEZ (1905-1983)

Naceu en Bouzadrago o 14 de outubro de 1905. Saíu de España polos Pireneos, cara Francia, en febreiro de 1939. Despois de pasar polo campos de refuxiados ingresou na Compañía de Traballadores Estranxeiros número 34. A Compagnie 34 formouse no campo da praia de Saint Cyprien, en abril de 1939. Na CTE Jaime Vázquez rexistrouse coa profesión de _tailleur de pierre_, canteiro.

Capturado polos alemáns o 6 de xuño de 1940, pasou polos stalags ata que ingresou en Mauthausen o 3 de marzo de 1942 co número 3756. O 11 de marzo de 1944 trasladárono a Gusen, co número 15735. Liberado en maio de 1945, viviu en Francia ata o seu regreso a Entrimo nos anos 60, falecendo o 14 de maio de 1983. Está enterrado no cemiterio da Pereira.

Artigos relacionados

Back to top button