DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Homenaxe póstuma dos veteranos do C.D. Rúa a Vicente Solarat Maceda

Os rueses vencen 3-2 ao Bragança nun emotivo encontro disputado no Aguillón

O realmente importante dun partido de fútbol amigable é como o propio nome indica, desfrutar dunha tarde de partido en compañía dos amigos, e moito máis cando se aproveita a ocasión para homenaxear a unha persoa tan entrañable como querida dentro e fóra do terreo de xogo.

Por iso o o resultado do partido disputado na tarde do 21 de xullo no campo do Aguillón entre os veteranos do C.D. Rúa e os de Bragança, foi o de menos. A amizade de ámbolos dous equipos vén xa de lonxe e onte, os portugueses achegáronse ata Valdeorras para xogar no partido que os veteranos do Rúa lle adicaron a Vicente Solarat Maceda, un home fortemente vinculado ao fútbol, primeiro como xogador que recalou no C.D. Rúa, despois como directivo e finalmente como magnífico mantedor do terreo de xogo, a súa paixón, onde falecía hai xa doce anos.

Antes de comezar o partido, un dos porteiros do Rúa, Julio, entregaba á viúva de Vicente, Angelita López, un ramo de flores e acompañada por un dos seus fillos, José Vicente Solarat López escoitaba un entrañable texto enviado por Juan Francisco Sánchez, xornalista e fillo adoptivo da Rúa, natural de Almendralejo (Extremadura) quen lamentou non poder estar no acto, asegurando na súa carta que “nunca homenaxe foi tan merecida”. A continuación, Angelita facía o saque de honra e gardábase un minuto de silencio polo recente falecemento do pai dun dos veteranos do Rúa, Noé.

E acto seguido comezaba o partido que finalmente vencía o Rúa 3-2, con goles de David Pérez en dúas ocasións e Marcos Yáñez. Tal como explica David, a primeira parte foi moi igualada e xa na segunda, os rueses dominaron un pouco máis poñéndose 3-2. O resultado pudo ser de empate pero a falta de cinco minutos para o final os lusos fallaron un penalti. Ao final, os locais non podían estar máis satisfeitos, non só polos emotivos actos previos ao encontro senón por ser a primeira vez que lle ganan ao Bragança en cinco partidos.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button