Iberdrola non vai pechar a súa oficina na Rúa e vai seguir mantendo uns 140 postos de traballo na comarca de Valdeorras. Así o sinalan dende a empresa ante as declaracións realizadas dende varias formacións políticas nos últimos días.
“É certo que se vai trasladar o que chamamos Centro de Operación de Cunca (COC), o que suporá o traslado de 12 persoas dentro dunha reorganización que hai en Iberdrola a nivel nacional, pero o que é o centro de traballo e a oficina da Rúa non se pecha e toda a xestión vaise seguir facendo dende aquí”, aclara Miguel Ángel López, director de Generación Sil de Iberdrola.
Así mesmo, dende a compañía indícase que “a efectos de emprego en toda a comarca Iberdrola manterá da orde de 140 postos de traballo cunha xestión similar á que se está facendo ao día de hoxe”.