“Dicía un gran director francés que a memoria é un gran terreo para a imaxinación, pois Aura 1964 é para min todo aquilo vivido ata agora, sobre todo a infancia e a mocidade e Castrofolla (Petín) e logo no internado en Ourense. Ten moito que ver coa miña memoria, coa memoria daqueles que viviron nos anos 60″. Deste xeito se refería o director de cine valdeorrés Ignacio Vilar ao seu novo guión, Aura 1964, nesta tarde no edificio multitusos do Barco.
Nun acto, no que estaba acompañado por Laura Fernández, colaboradora no proxecto cinematográfico, presentaba este guión, publicado pola Editorial Galaxia neste outono e que vén de saír á luz antes de rodar a súa película e ten sido apoiado polo Creative Europe Media (programa deseñado para o apoio do cinema europeo).
“Este proxecto foi apoiado pola Unión Europea, na que existe un programa de axuda ao cine de todos os Estados. Nós presentámonos hai 3 anos e este foi o primeiro proxecto galego que apoiou a UE, competindo con 28 estados. Eles consideran que é moi importante traer de novo esta historia despois de 57 anos polo auxe que está collendo a extrema dereita en todos os países europeos”, comenta Vilar.
“Ningún ditado pode sufocar a sede de liberdade dun neno”. Esta é a frase que enmarca a portada do título; toda unha declaración de intencións do cineasta que, a través destas páxinas, achega ao lector a unha realidade marcada polo adoutrinamento nun ano, 1964, no que a ditadura franquista celebraba o seu 25 aniversario.
A historia preséntase dende o punto de vista de tres adolescentes, “que ademais unha etapa da vida clave para unha persoa, por ese paso da mocidade a ser adulto. E todo vivido nunha época no que o adoutrinamento é importante para eses xoves”, matiza Ignacio Vilar.
Así, a través dos seus ollos e vivencias, Siro, o protagonista, amosa como era o ambiente da época, opresiva e abafante, na que a sociedade se viu obligada a subsistir. Unha situación á que, a través da rebelión, o mozo e os seus amigos Cosme e Berto, despregan a súa maxia adolescente vivindo momentos de iniciación e descubertas, nunha búsqueda constante da liberdade.
A publicación do guión antes do filme supón “unha novidade sen precentes no Estado español”, destaca a Editoria Galaxia, e “unha maneira completamente distinta de acceder á historia, xa que un guión non se le da mesma maneira ca outros libros. As lectoras terán que construír a película a través da palabra e a propia imaxinación, coas súas cores e imaxes”.
Esta publicación conta ademais cun limiar a cargo do rues Manolo González no que destaca que Aura “procura levarnos polo microcosmos dun mundo escuro e intolerante, dando fe de feitos vividos que documentan unha época aparentemente desaparecida; aínda que hoxe circulan políticos, ideas e situacións ameazantes que advirten do regreso posible daquela vella intolerancia. Tamén é outro dos valores deste guión”.
Ademais de no Barco, Vilar ten previsto realizar outra presentación deste guión no seu municipio natal, Petín. Será mañá ás 12h. no Teleclub nun acto que contará coa presenza do autor, novamente de Laura Fernández, e do senador Miguel Bautista, ex alcalde de Petín.
Fotos: Carlos G. Hervella.