EconomíaEconomíaÚltima hora

II Feira do Comercio Local de Xinzo de Limia, do 26 ao 28 de agosto

A programación promovida por Prolimia gaña peso e ademais dos mellores produtos das tendas da vila ofreceranse degustacións gastronómicas, música e actividades para os máis pequenos

Presentación da feira de Prolimia, en Xinzo de Limia.

 

A segunda edición da Feira do Comercio Local de Xinzo de Limia celebrarase do 26 ao 28 de agosto, consolidándose como referente de toda a comarca. A iniciativa pretende dar pulo ao economía local e era presentada na Casa Consistorial, nun acto ao que asistiu a rexedora de Xinzo, Elvira Lama; o tenente de alcalde, Amador Díaz; o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez; a xerente do Inorde, Emma González; e a presidenta da Prolimia, asociación promotora do evento, Concepción Conde.

Elvira Lama lembrou que a primeira edición, celebrada no 2021, foi todo un éxito e agárdase que se repita este ano. “Con esa perspectiva xorde esta campaña, co apoio do Concello de Xinzo de Limia. Pensamos que é un pulo para un sector que está tocado, tanto pola pandemia como por outros factores como a compra a través de Internet. Hai que apostar polo noso comercio, que é apostar por crear emprego na nosa vila. Sen o comercio local en Xinzo de Limia perdemos vida. O de Xinzo pode ofertar de todo e o mellor. Esta é unha aposta decidida pola nosa economía”.

Nesta mesma liña se pronunciou Amador Díaz, insistindo en que a unión fai a forza:.“Animo a esa directiva para que a terceira e as seguintes edicións sexan tamén un éxito rotundo e nunha zona onde somos a despensa dos concellos do entorno”, dixo. O concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, asegurou que o Concello seguirá apoiando as iniciativas de Prolimia para apostar polo comercio local. “Nós escoitamos e colaboramos, incluso por riba das nosas posibilidades”, asegurou.

A presidenta de Prolimia, Concepción Conde, agradeceu ás Administracións o seu apoio para organizar a feira, asegurando que “o Concello axúdanos moito, tanto economicamente como con facilidades. Todas as institucións responden con nós. Queremos mostrar a nosa unión, pois todos xuntos imos adiante”.

A programación comezará o venres 26 de agosto coa inauguración, prevista para as 12 horas. Seguidamente ofrecerase unha degustación de produtos aportados por establecementos da comarca. Pola tarde, a partir das 18 horas, haberá un taller de barro e un bingo no que se poderá participar cos cartóns que se repartirán nos expositores ao realizar as compras.

O sábado 27 de agosto as portas da feira abrirán as 10 horas e haberá unha sesión vermú con música. A tarde seguirá co bingo ata o peche, previsto para as 22 horas.

O último día da feira, o 28 de agosto, repetirase en horario de mañá a programación do sábado. Pola tarde haberá tamén un obradoiro e prevese que ás 20 horas se celebre un sorteo. A maiores, durante os días da feira ofreceranse actividades as máis pequenos e de promoción do comercio local.

Artigos relacionados

Back to top button