O vindeiro sábado 21 de marzo a partires das 20h. celebrarase o II roteiro poético pola vila de Allariz “Ponme un poema!”.
A actividade contará coa presenza de Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán que achegarán unha selección de poemas das súas respectivas obras “Ode á madison ivy e outras coisas de meter” e “Erótica”, premiadas nos certames Illas Sisargas (accésit ’13) e Franciso Añón (gañador ’04), respectivamente. Ademais, agasallará aos asistentes cun adianto de “O Episodio” obra conxunta gañadora do IX certame de poesía erótica Illas Sisargas 2014.
O roteiro por A despensa do Alarico, Petiscos, Amares, Fundación Vicente Risco e Finarei, contará asemade con “Cinta adhesiva” un proxecto literario-musical construído a través dos poemas de Silva Penas e a música de Jesús Andrés “unha totalidade orgánica onde o texto e a música non se acompañan senón que tratan de confundirse, chegando ás veces a converter o recitado en canción” en palabras da organización.