Máis de 21 meses tardaba a Escudería Clásicos de Ourense en poder organizar unha actividade debido á normativa vixente relativa á pandemia, pero finalmente e de forma conxunta cos Clásicos Valdeorras lograban por fin dar forma á II Ruta Valdeorras Classic que se celebrará este domingo 24 de outubro, con parada nos concellos de Ribas de Sil, Vilamartín e O Barco.
Con saída en torno ás 10 horas dende San Clodio, onde estará o parque pechado, o primeiro reagrupamento será no Pazo do Sil, rematando a primeira etapa no Concello de Vilamartín onde permanecerán entre as 12 e as 12:45 horas aproximadamente. O segundo reagrupamento será no Paseo do Malecón, no Barco onde permanecerán os coches ata as dúas da tarde. O xantar do rallye será no Paladium, en Vilamartín, con parque pechado e entrega de recordos.
O prazo de inscrición finaliza hoxe ás 20 horas, limitado a 50 o número máximo de vehículos que poidan participar neste evento.
