
Co fin de completar e ampliar a formación na área de viticultura, actualizando e profundizando nas nocións impartidas na anterior edición, a Aula Universitaria Uned da Rúa acollerá a III edición do curso de Técnicas de Cultivo en Viticultura e Plantación do Viñedo.
Ricardo Dobao e Santiago Pérez, ámbolos dous Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, serán de novo os responsables de impartir o curso que comezará o vindeiro 22 novembro, e finalizará o día 9 de maio de 2020 coa “poda en verde e o desenvolvemento da vide”.
Tal como destacan dende a Uned, unha das características deste curso é a súa estacionalidade xa que “durante catro fins de semana (ao longo de todo o curso) os 30 alumnos/as que asistan ás clases teóricas e prácticas, adquirirán coñecementos de control de enfermidades e pragas, de tratamento do solo, de tipos de variedades, poda, fertilización, etc”, de xeito que “os contidos de cada fin de semana están adaptados á época, para poder así realizar prácticas do aprendido na aula”.
A inscrición pódese realizar nal Aula Uned da Rúa (CEIP Manuel Respino) ata o 19 de novembro ou ben realizar a matrícula e pago online no seguinte enlace: http://extension.uned.es/actividad/idactividad/19957
