OurenseÚltima hora

III Festa da Carne ao Caldeiro no Prado de Sande (Cartelle), o vindeiro 29 de abril

Asistentes a unha edición anterior da festa.

 

O vindeiro día 29 de abril terá lugar a terceira edición da Festa da Carne ao Caldeiro na localidade do Prado de Sande, concello de Cartelle. Un evento que, por segundo ano se celebra no último sábado de abril, e que espera superar a cifra de ao redor dos 200 comensais que degustaron o menú o pasado ano.

A cea, que dará comezo a partir das 21:30 horas, baixo carpa, estará composta por: empanada de carne de raza cachena; carne ao caldeiro de tenreira con patacas cocidas e chourizos ao viño; pan; viño e refrescos; sobremesa de requeixo con mel e bica, e licores como colofón. “Un menú do máis atractivo para os amantes da boa gastronomía galega de calidade na a materia prima xoga un papel esencial”, aseguran dende a organización.

 

 

O prezo mántense en 20 euros e os tickets poden mercarse no teléfono 669 563 241 antes do 27 de abril, ou nos establecementos colaboradores sitos no concello de Cartelle: Café Bar A Loureira (Sande), Café Bar Santi (Cartelle), Bar Star 83 (Outomuro), e, no Concello de Ramirás no Bar Parnasillo (Villavidal) e no Bar Emilia (Villavidal).

Como en toda boa festa, non faltará a animación musical da man da charanga Va K Pinta e, tras a cea, Festa da Xuventude co Grupo Pégate, DJ Cao e un Dj pendente de confirmación. Haberá servizo de bar e inchábeis. para os máis cativos.

 

 

Dende a organización aseguran que “tras tres anos a cifra de comensais segue en aumento”, destacando o feito de que “na aldea non viven habitualmente máis de 20 persoas, e nese día chegan a máis de 200 persoas. Moito traballo que ten a súa recompensa en comensais satisfeitos gozando da festa”.

“A boa calidade da comida, así como a súa abundancia e sabor, xúntanse co esforzo dun equipo de veciños e veciñas que se afanan en ter todo preparado dende primeirísima hora da maña. Dende pelar patacas, a cortar a carne, preparar as sobremesas… para que todo aquel que ven, desfrute, repita e o conten”, din dende a organización que agradece a colaboración de todas as empresas privadas, así como a Asociación Cultural As Bonitas de Sande e o Concello de Cartelle.

Artigos relacionados

Back to top button