ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Imos impulsar en Valdeorras proxectos en infraestruturas paralizados ata agora”

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, mantiña unha reunión nesta comarca cos alcaldes do Barco, A Rúa, Petín e Vilamartín para falar sobre a mellora da N-120, conexións desta estrada na Rúa e Vilamartín, a circunvalación ou a A-76

As infraestruturas na comarca de Valdeorras centraban a xuntanza de traballo que mantiña na mañá do 23 de novembro o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, cos alcaldes do Barco, Alfredo García, da Rúa, Luis Fernández, de Vilamartín, Enrique Álvarez, e de Petín, Miguel Bautista. Neste encontro, celebrado no Concello do Barco, intercambiábase información sobre as xestións realizadas nos cinco meses que leva o novo goberno central socialista sobre temas como a mellora da estrada N-120, a construción da circunvalación do Barco, a autovía A-76 ou proxectos relacionados coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

“Son proxectos necesarios e importantísimos para o desenvolvemento de Valdeorras e que estaban olvidados ou un pouco parados ata agora. Imos impulsar cuestións, por exemplo, na estrada N-120, cuestións que puxeron enriba da mesa os alcaldes afectados. Transmitíronme a súa preocupación pola necesidade de mellorar a seguridade, de realizar enlaces en Vilamartín ou na Rúa. Neste último concello queremos impulsar a conexión coa N-120, aprobar o expediente de información pública e a partir de aí desenvolver todo o proceso. Un proceso que ata o de agora non se tiña iniciado”, comentaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.

No caso de Vilamartín, “voulle trasladar ao goberno as demandas que me plantexou o seu alcalde. Estase traballando xa nun pre-estudo de posible trazado, que puidera ser a base do futuro proxecto de trazado construtivo”.

González Afonso sinalaba tamén que se están a impulsar os traballos relativos aos diferentes tramos da futura autovía A-76 e que a licitación da estrada de circunvalación do Barco será inminente. Ademais indicaba que dará traslado á Confederación Hidrográfica Miño-Sil dunha serie de demandas plantexadas polos rexedores e que “seguramente se tratarán nunha próxima reunión da confederación con eles para facer un acondicionamento e mellorar os cauces fluviais da comarca”. Aludía asemade á posible construción da EDAR de Arcos (Vilamartín), “da que se definirá concretamente a súa ubicación e súa construción, así como o seu posible financiamento”.

O alcalde do Barco, Alfredo García, agradecía esta visita do subdelegado á comarca para saber “de primeira man cales son os problemas que temos. Moitos deles son proxectos que estiveron aí e que nunca se executaron. Nos 7 anos de goberno central do PP tivemos boas palabras, pero cero feitos, e non podemos olvidar que o novo goberno só leva cinco meses”.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno indicaba que “o obxectivo é mellorar as condicións dos cidadáns en todos as comarcas, entre elas a de Valdeorras teremos unha próxima xuntanza para valorar como vai avanzando isto. A conclusión desta reunión e que temos que temos que impulsar proxectos paralizados polo PP e que se están impulsando nestes momentos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button