OurenseÚltima hora

Inaugúrase a mostra “Castelao e Prada, irmaus!” en Ourense

Esta exposición, instalada na antiga biblioteca do Pazo Provincial, inclúe a obra “A derradeira leición do mestre” de Castelao

Na tarde do 7 de marzo abría as súas portas en Ourense a a exposición “Castelao e Prada, irmaus!”. Está instalada na antiga biblioteca do Pazo Provincial e dela forma parte a obra pictórica icónica do galeguismo, “A derradeira leición do mestre”, de Alfonso Rodríguez Castelao, que se exhibe por primeira vez na provincia de Ourense.

O acto inaugural contaba coa asistencia de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; do escritor e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e do presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén. O titular do goberno provincial dixo que “a irmandade e a conciencia galeguista foron os elos que mantiveron unidos a Castelao e Prada nunha mesma causa, a do recoñecemento da nosa identidade como pobo”.

Na celebración, que uniu en homenaxe a Castelao, Prada e Bóveda, o presidente da Deputación de Ourense salientou a significación desta exposición: “Castelao e Prada mantiveron unha estreita amizade e unha leal colaboración política, a cal, desde a Deputación de Ourense, quixemos salientar cunha soa palabra: irmaus”.

Asemade, anunciou que grazas á colaboración coa Fundación Castelao, a Deputación de Ourense vai publicar un volume, coordinado por Luís González Tosar, que recollerá máis de trinta cartas que Castelao lle enviou a Rodolfo Prada, “importantes testemuñas documentais remitidas polo xefe do galeguismo político, desde Valencia, Barcelona, a Unión Soviética, Nova York, California ou Cuba ao seu fiel e discreto amigo e correlixionario”.

Baltar concluía o seu discurso salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, “sentaremos os alicerces do centenario de Nós, porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber de honrar a todos os bos e xenerosos”.

Ademais o conselleiro de Cultura destacou na visita á mostra a importancia da “peregrinación” do lenzo por Galicia e, en concreto, desta itinerancia ourensá, que leva a obra de Castelao ao “berce do galeguismo”. “Ourense e Santiago –explicou Román Rodríguez– son as cidades que acollen esta obra que forma parte da nosa arte, da nosa historia e do noso ideario colectivo. Un lenzo que nunca até agora chegara a Galicia e que está a espertar gran interese”.

Román Rodríguez subliñou a importancia desta exposición, organizada pola Deputación de Ourense, pola súa contribución á difusión e posta en valor do noso patrimonio cultural e a transmisión á sociedade “dos valores que Castelao e Prada defenderon e difundiron. Dúas persoas, dous persoeiros que traballaron sempre co obxectivo do desenvolvemento e a dignificación da nosa terra, nun tempo e nunhas circunstancias tan adversos que aquilatan o valor dos seus moitos e moi diversos logros”.

Pola súa banda, Luís González Tosar destacou na súa intervención o papel do Partido Galeguista, “do que recibimos a estirpe dos bos e xenerosos”, e referiuse ao importante valor testemuñal da correspondencia entre Castelao e Prada, “capítulos de bonhomía e de irmandade entre dous homes, que nos ensinan o máis luminoso de Galicia, un compromiso de autenticidade e liberdade”.

Amalia Bóveda expresou “a dor que supón contemplar este lenzo, mais hai compromisos dos que non se pode fuxir”, e salientou que a leición do mestre ten dor pero tamén orgullo, “a memoria e grata pero tamén e molesta; e pasado e presente, e debemos facela aínda máis presente e máis pública, sen medias tintas e con valentía”, dixo a filla de Alexandre Bóveda, quen expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense.

José María Vila Alén defendeu que a pegada “do noso galeguismo e da nosa emigración se dea a coñecer entre os novos, nas escolas”, subliñando que este cadro “xúnguenos coa nosa historia e representa a Galicia que non coñece de fronteiras artificiais, homenaxeando a Alexandre Bóveda, que loitou a prol da súa terra e espallou esperanzas de futuro, algo que Castelao soubo reflectir perfectamente”. E rematou: “Oxalá aprendamos a leición”. Pola súa banda, Román Rodríguez dixo que a senlleira obra de Castelao “é máis ca un cadro, forma parte do ser de Galicia”, e que a súa mensaxe “non a debemos esquecer senón mirar ao futuro coa forza da cultura e da educación”.

O acto contou na súa parte musical coa participación do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou ao inicio da celebración a Alborada de Ourense, rematando co Himno de Ourense e co Himno Galego.

Artigos relacionados

Back to top button