OurenseÚltima hora

Inaugúrase unha nova fase do parque acuático de Monterrei

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou esta mañá que o parque acuático de Monterrei -do que hoxe se inaugurou unha nova fase- permitirá reforzar o potencial turístico da provincia de Ourense e dinamizar a economía da contorna. “Temos que darlle unha nova vida, dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia e este é un magnífico exemplo”, sinalou.

Durante unha visita ao recinto, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente salientou que grazas a estas instalacións, a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas idades. “É un complexo para desfrutar dun día diferente en familia, desde os cativos ata os maiores”, indicou Rueda, quen lembrou que ademáis da área de piscinas e tobogáns, o parque conta con zona deportiva coma pistas de pádel, tenis ou atletismo.

 

 

Tras apertura no verán de 2023 das primeiras instalacións (piscina infantil, piscina de relax, de ondas ou a zona de splash), hoxe inaugurouse a fase 1 xa totalmente rematada deste complexo que inclúe novos servizos como aparcadoiro, vestiarios, sendas peonís e zona de xogos para nenos así coma catro novas atraccións acuáticas: hidrotubos abertos e pechados e dous novos tobogáns.

Tal e como salientou Rueda, a Xunta foi a encargada de executar as obras da fase 0 e 1 do complexo lúdico-deportivo, nas que investiu preto de 9 millóns de euros. As instalacións vanse completar cunha nova área de relax (río de cascadas, piscina de nado…), máis atraccións de auga e un parque multiaventura. A Deputación de Ourense levará a cabo estas tres últimas fases.

O presidente fixo fincapé en que este novo complexo lúdico-deportivo é unha oportunidade para xerar emprego na comarca e servirá de atractivo “para a xente que nos visite e para que os galegos fagamos turismo” no interior da comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button