SanidadeÚltima hora

Inés Garrido, nova directora de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Desde hoxe ocupa a vacante deixada por Yolanda Lesmes Romero actual directora de Recursos Humanos na Área Sanitaria de Pontevedra

A ourensá Inés Garrido, nova directora de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco./ Cedida.

 

Inés Garrido Gonzalez será a nova directora de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, posto vacante desde o cese, o pasado mes de decembro, da súa anterior responsable, Yolanda Lesmes Romero, para pasar a facerse cargo da dirección de Recursos Humanos na Área Sanitaria de Pontevedra. O seu nomeamento vén de ser recollido no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito a ourensá Inés Garrido, Licenciada en Enxeñería Industrial pola Universidade de Vigo, volta a esta área sanitaria, onde foi responsable da Fundación Cabaleiro Goás – e despois Fundación Biomédica Galicia Sur en Ourense- entre 2012 e 2019, posto desde o que dirixíu numerosos proxectos de innovación, calidade e investigación, e liderou o desenvolvemento dun sistema de calidade, e auditoría continua, dos procesos asistenciais de diversos servizos clínicos, que se mantén na actualidade.

A súa etapa en Ourense coincidíu coa expansión dos macroproxectos Innova Saúde e Hospital 2050, que coordinou, e que pivotaron na posta en funcionamento do novo Edificio de Hospitalización. Desde 2019, continúou a súa traxectoria profesional vinculada ao sector sanitario, no Hospital Vithas de Vigo, onde asumíu a xestión dos recursos económicos e humanos e os procesos de mantemento e xestión, como directora de operacións e, desde finais de 2020 ata á actualidade, a dirección de Calidade e Proxectos.

Ampla experiencia en xestión por procesos

Especializada en Organización Industrial, o seu proxecto de fin de carreira foi precisamente a xestión por procesos. Novo paradigma na xestión no sector sanitario, onde a alta complexidade organizativa está fondamente inter-relacionada, tanto nos hospitais como nos centros de saúde, onde estes son interfuncionais, ao intervir as distintas categorías profesionais e os servizos, desde os médicos aos administrativos, loxística… polo que ordear estes fluxos son clave.

Ademais da súa experiencia profesional, Inés Garrido posúe formación específica sobre administración e xestión sanitaria. Na actualidade, está a cursar un Máster MBA máis un Máster en Dirección de Recursos Humanos da Escola de Negocios Europea de Barcelona (ENEB). Igualmente, posúe outros máster como o Universitario en Sistemas Integrados de Xestión da Prevención de Riscos Laborais, Calidade, Medio Ambiente e Responsabilidade Social Corporativa, organizado pola Universidade Internacional de La Rioja (UNIR), 2018-19, que á acredita como Auditora Interna por TUV Rheinland. O Máster Universitario de Prevención de Riscos Laborais, da CEO-UNIR, en 2011; e o Máster Superior en Prevención de Riscos Laborais, nas especialidades de Hixiene Industrial e Ergonomía e Seguridade no Traballo, organizado por Acedis e homologado pola Xunta de Galicia, nos anos 2006-2007.

Xunto coa súa experiencia e formación, Inés Garrido, desenvolve en paralelo unha ampla actividade docente e formativa. Profesora da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense, entre 2017-2020, é coautora do libro “Impacto da hospitalización nun novo edificio na satisfacción do paciente” 2018. Igualmente ten participado como relatora ou docente en numerosos cursos, seminarios e congresos de calidade, innovación ou xestión de riscos laborais e procesos.

Artigos relacionados

Back to top button