ConcellosO BarcoÚltima hora

Inícianse os traballos técnicos para a posta en marcha da aldea modelo de Vilariño (O Barco)

Trátase agora de identificar aos propietarios, e que cada un deles acepte de xeito expreso a incorporación das súas propiedades ao proxecto

O alcalde do Barco, xunto ao concelleiro de Medio Rural, explicando o proxecto da aldea modelo de Vilariño, cando se presentou esta iniciativa, en setembro de 2020./ Foto cedida.

 

A empresa encargada da elaboración do proxecto para a posta en marcha da aldea modelo de Vilariño, no municipio do Barco de Valdeorras, iniciará a próxima semana contactos individuais cos propietarios das parcelas incluídas nas 18 hectáreas que forman parte do proxecto. “Trátase agora de identificar aos propietarios, e que cada un deles acepte de xeito expreso a incorporación das súas propiedades no proxecto de aldea modelo”, tal e como anuncia o Concello do Barco.

Para facilitar a realización dos traballos, técnicos da empresa estarán na escola de Vilariño o mércores 13 e o xoves 14 de outubro, de 10 a 15 horas, e de 16 a19 horas. A visita repetirase a semana seguinte, neste caso o luns, martes e mércores, co mesmo horario. Todos os propietarios afectados poden pasar polo local veciñal nos días indicados para, coa axuda dos técnicos, localizar a súa parcela e entregar unha copia do seu DNI e o número de conta bancaria.

Os veciños de Vilariño foron informados do proceso que se seguirá a partir de agora nunha xuntanza celebrada onte na localidade, previa para a continuación do proxecto, na que participaron técnicos encargados do proxecto e o alcalde, Alfredo García.

O proxecto comezou o ano pasado, co traballo de identificación de parcelas e a remisión de escritos a todos os propietarios de terreos para darlles a coñecer o proxecto. Seguirá agora coa aceptación dos donos de parcelas e, se se consegue o obxectivo de que alomenos o 70% deles formen parte da aldea modelo, procederase á redacción do estudo técnico para a súa posta en marcha.

O alcalde, que propuxo á Xunta a inclusión de Vilariño como aldea modelo, mostrouse satisfeito pola marcha deste proxecto “que pode ser exemplo para que, no futuro, se creen outras na zona, que permitan a recuperación de terras que agora non se utilizan”.

Artigos relacionados

Back to top button